O taekwondista galego Iván García (+80, Mat´s) logrou a medalla de ouro no Grand Prix Challenge de Muju, cunha actuación impecable, vencendo en 5 combates e superando a algúns dos mellores taekwondistas do mundo.

 

Na primeira rolda enfrontouse ao keniata Innocent Wafula e o galego arrincou a competición cunha vitoria cómoda para ir collendo ritmo. Nos oitavos de final veuse as caras con Yodgorbek Zhuraboev (Usbequistán), no que posiblemente foi a pelexa máis dura de todo o torneo para o noso deportista. O primeiro caeu a favor do galego, pero no segundo logrou gañar o usbeco e o combate foi ao desempate, no que Iván amosouse máis forte (1:2).

 

Nos cuartos, o rival foi Yodgorbek Zhuraboev, tamén de Usbequistán, e Iván venceu en dous asaltos e con claridade, para meterse de cheo na loita polas medallas. Na semifinal esperaba un vello coñecido, o campión olímpico e bicampión mundial, Vladislav Larin. O primeiro asalto foi claro para o galego, que dominaba tamén no segundo. Pero no tramo final case remonta cunha patada con xiro e logra empatar (6:6). Nos últimos segundos, Iván volveu puntuar e logrou a vitoria en dous asaltos.

 

Na final, espectáculo incrible, cunha final de infarto co ruso Rafauk Aiukaev, que compite como independente, que se decidiu en tres asaltos. Iván gañou o primeiro, pero Aiukaev empatou no segundo. No terceiro e último, o taekwondista marinense logrou escaparse cunha acción en xiro e un punto abaixo e despois foi controlando ata o final (6:2). Fantástica actuación de Iván, que se mostraba moi satisfeito pola súa actuación e xa pensa no Mundial.

 

No mesmo peso, competiu tamén o galego Sergio Troitiño (Mat´s), que arrincou ante o camerunés Noah Bekada, no que foi un combate durísimo no aspecto físico. Bekada arrincou mandando no primeiro asalto e Troitiño estaba renqueante con problemas nun dedo. A partir de aí foi remontando e gañou os dous seguintes asaltos para avanzar no campionato, pero entrou na seguinte rolda co dedo lesionado e a xeonllo inchado. No segundo combate enfrontouse a Beibarys Hablan (Casaquistán) con moitos condicionantes físico e non puido competir ao máximo nivel, perdendo en dous asaltos. Ao remate, Sergio foi ao hospital, porque temían que tivese unha rotura no dedo e, aínda que as probas que lle fixeron non foron concluíntes, decidiuse que regrese a España para recuperarse canto antes, en vez de continuar coa concentración prevista en Corea durante os próximos dez días para os integrantes da selección española.

 

Onte tamén competiron Alma Pérez (Costado Taekwondo Boiro) e Arlet Ortiz (Mat´s) en -57 quilogramos. Ambas perderon no primeiro combate. Alma caeu ante Quingmei Yang (2:0) e Arlet fronte a Dominika Hrinova (2:0).

 

E por último, sinalar que Javier Otero (-58, Natural Sport Ribeira) non puido superar ao representante de Usbequistán Omonjon Otajonov. O noso taekwondista perdeu 2:1. No primeiro asalto logrou impoñerse Javi tras remontar nos últimos segundos con dúas accións á cabeza, pero perdeu os dous seguintes de forma clara.

 

Print Friendly, PDF & Email