Tres deportistas galegos formaron parte da selección española de taekwondo que participou nos Xogos do Mediterráneo de Taranto (Italia), nunha convocatoria na que Galicia tivo un papel predominante. Iván García, do Mat’s, Helena García, do Dobok, e Carla Sesar, do Natural Sport, representaron ao taekwondo galego nunha importante cita internacional, na que Iván regresou á competición tras a lesión sufrida na final do Campionato de Europa de Múnic e fíxoo subindo ao podio, mentres que Helena e Carla alcanzaron os cuartos de final.

 

A presenza de tres deportistas galegos nunha selección española formada por só sete taekwondistas pon de manifesto o excelente momento que vive o taekwondo galego e o peso dos nosos deportistas no panorama nacional e internacional.

 

Iván García regresa con forza

Iván García volvía á competición despois da lesión sufrida na final do Campionato de Europa, na que conseguiu a medalla de prata. O galego afrontaba así o seu primeiro torneo tras aquel Europeo e fíxoo cunha actuación que lle permitiu regresar directamente ao podio. Na categoría de +80 quilos, Iván superou nos oitavos de final ao francés Nahil Mehnana, por 0-2. Nos cuartos de final impúxose por 2-0 ao grego Vasileios Tholiotis, resultado que lle asegurou a medalla.

 

Na semifinal, o deportista do Mat’s non puido superar ao marroquí Soufiane Elasbi, ante o que perdeu por 2-0. Elasbi acabaría proclamándose campión dos Xogos do Mediterráneo, polo que Iván regresou á competición con un valioso bronce.

 

Unha medalla especialmente importante polo momento no que chega e que confirma que o galego está de volta.

 

Carla Sesar, ata os cuartos de final

Carla Sesar, do Natural Sport, competiu na categoría de -57 quilos e tamén completou unha fantástica participación, alcanzando os cuartos de final.

 

Na súa primeira eliminatoria, a galega superou con claridade á francesa Madeenah Boubacir, por 10-0 e 6-1, nun combate no que se atopou cómoda e con boas sensacións, puntuando de diferentes maneiras.

 

Nos cuartos de final enfrontouse á croata Ada Avdagic, nun combate moi igualado que se decidiu en tres asaltos. Carla gañou o primeiro por 1-0, Avdagic igualou no segundo (0-1) e finalmente impúxose no terceiro por 3-0. A galega quedou así ás portas das semifinais, nun combate que se lle escapou nos últimos oito segundos. Avdagic caería posteriormente na semifinal ante a campioa dos Xogos.

 

 

Helena García tamén alcanzou os cuartos

Na categoría de -67 quilos, Helena García, do Dobok, tamén superou unha eliminatoria e alcanzou os cuartos de final.

 

A galega venceu na primeira rolda á kosovar Resa Gashi, por 2-0, e na seguinte eliminatoria enfrontouse a Isil Zafer (Turquía).

 

Helena loitou ata o final levando o combate a tres asaltos, pero non puido superar á deportista turca, que posteriormente se proclamou campioa dos Xogos do Mediterráneo. Desta forma a galega quedou entre as oito mellores da súa categoría.

 

Os resultados dos tres deportistas confirman así o excelente nivel do taekwondo galego, cunha presenza destacada na selección española e cun bronce de Iván García no seu regreso á competición.

 

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email