Rematou a segunda parada da Serie Mundial do Grand Prix de Muju para o taekwondo galego. O mellor resultado foi para Iván García (+80, Mat´s), quen caeu nos cuartos de final, tras facer un gran traballo. Sergio Troitiño (Mat´s) superou a primeira rolda, igual que Tania Castiñeira (Hebe), mentres que Arlet Ortiz (Mat´s) perdeu no primeiro combate.

 

𝐁𝐨 𝐩𝐚𝐩𝐞𝐥 𝐝𝐞 𝐈𝐯𝐚́𝐧 𝐆𝐚𝐫𝐜𝐢́𝐚
O galego superou dúas roldas antes de enfrontarse ao exipcio Seif Eissa, que finalmente se proclamou gañador do Grand Prix. Aínda que perdeu en dous asaltos, Iván estivo moi preto de forzar o desempate, nun axustadísimo segundo round, que finalmente se decidiu a favor de Eissa pola mínima (2-1).

 

Antes, venceu a Eltaj Gafarov (Azerbaián) en dous asaltos (4-2 e 6-1) e na seguinte rolda gañou a Jonathan Healy (USA) en tres rounds. Perdeu o primeiro por rexistros, xa que rematou con empate; pero non baixou os brazos e remontou nos seguintes. No segundo, gañou 2-0 e no terceiro aínda con máis claridade (9-5). Iván está amosando un bo rendemento no regreso á competición despois de varios meses de parón pola lesión no Europeo.

 

No mesmo peso, tamén competiu Sergio Troitiño (Mat´s), que logrou avanzar da primeira rolda, tras superar a Pasko Bozic (Croacia), un deportista grande e pesado. O taekwondista do Mat´s perdeu o primeiro round, pero foi quen de darlle a volta gañando os dous seguintes con moita claridade. Pero na seguinte eliminatoria esperaba un rival moi duro, o británico Caden Cunningham, prata olímpica, campión de Europa e medallista mundial. Nesta ocasión Sergio non tivo opción, sobre todo no primeiro asalto. No segundo, competiu a bo nivel, tratando de forzar o desempate e o tivo moi preto, pero finalmente Cunningham logrou o triunfo.

 

Pola súa banda, Tania Castiñeira (+67, Hebe) gañou na primeira rolda á croata Mila Mastelic e iso que o combate se lle puxo costa arriba ao perder o primeiro asalto. Pero a galega remontou con moita claridade no segundo (16-4) e o terceiro, moi axustado, decidiuse nos últimos segundos, cando Tania logrou conectar un puño. Na segunda eliminatoria, Tania enfrontouse á chinesa Wenzhe Mu, quen gañou en dos asaltos. O primeiro estivo moi axustado, pero no segundo, Mu dominou e controlou dende o inicio.

 

Tamén competiu Arlet Ortiz (-57, Mat´s), pero a galega non estivo cómoda ante Ada Avdagic (BIH), que gañou o primeiro asalto con facilidade. No segundo, a loita apertouse ao máximo e só se decidiu a favor da bosnia no suspiro final. As e os taekwondistas galegos estiveron acompañados polo técnico Jesús Benito e o xuíz Adrián Maceiras.

 

Seguimos!!!!
Print Friendly, PDF & Email