Julia Gómez (Kwon Betanzos) acadou a medalla de bronce na categoría cadete no Europeo de Clubs, que se está a celebrar en Sofía (Bulgaria).
O Kwon Betanzos participou con tres deportistas cadetes no Europeo, no que, ademais das medallas en liza, os finalistas en categoría cadete acadaban a clasificación directa para o Campionato de Europa de seleccións.
Este é ademais o primeiro torneo onde se compite en categorías de estatura, e así, na de -152 centímetros, a betanceira Julia Gómez logrou o bronce despois de librar unha rolda, gañar a unha representante italiana e perder nas semifinais contra a representante turca nun combate tremendamente axustado, quedando así ás portas da clasificación para o europeo no seu primeiro ano de cadete.
Arianna Deibe, na categoría de -156 cm, chegou ata os cuartos de final onde se cruzou coa representante belga, que despois se proclamaría vencedora da categoría. Arianna competiu de ti a ti no primeiro asalto coa belga, que finalmente tiraría de experiencia para gañar ese e o seguinte, e rematar así o torneo sen perder ningún round.
Pola súa banda, Adriana Naveiro competiu en -168 cm onde perdería en primeira rolda coa representante da selección de Polonia.