Galicia foi a clara dominadora do Open de Zamora que se celebrou onte. Os clubs galegos presentes levaron un bo botín de medallas, nun torneo no que participaron máis de trescentos taekwondistas das categorías precadetes, cadetes, júnior, sénior e máster.
Así, o Kae Sport de Vigo desprazou ata Zamora a 10 deportistas e logrou un total de sete medallas (4 ouros, 1 prata e 2 bronces) e acadou a terceira posición na clasificación xeral de clubs.
En precadete Nadia Bouzas (-30, Kae Sport) conseguiu a medalla de ouro tras vencer a Marina Moreno (de Sanabria) por 29-2; a Carmen Montero de Valladolid (25-3) e na final a Carmen de Castro (Zamora) por 28-2. Enorme superioridade da viguesa.
Tamén a precadete Uxía Gaitero ( -27 quilogramos) logrou unha medalla de bronce, tras caer na semifinal ante Narela Roque de Sanabria (45-15).
En precadete masculino, David Otero (-29) foi prata tras vencer en semifinais a Raúl Cuevas ( Gijón) por 44-36 e caer na final contra Rudi Campos por un axustado 16-17.
Na categoría cadete ouro para Adrián Rodríguez (-33), tras gañar a Adrián Suárez (35.32), Julio Ramón (28-16) e na final a Erik Vaquero, de Zamora, por un claro 22-5. E bronce para Javier Otero (-37 quilogramos), que superou a Juan José Tato (24-13) e perdeu ante Mario Arroyo de Sanabria (16-21)
Na categoría júnior o Kae Sport logrou dous ouros. Alba Reimúndez (-63 quilogramos) acadou o título tras vencer na final a Romaissa Sadok (20-6). Pola súa banda, Fernando Rodríguez (-45) tamén subiu ao máis alto do podio tras superar a Iker Bardera de Sanabria (27-4), David Bello de Madrid (43-39) e ,na final, a Ibai Molina (29-27).
O Mace Sport de Pontevedra tamén estivo en Zamora e tamén logrou medallas. Na categoría cadete Alessandra Imperato (-47) foi bronce tras vencer a Sofía Rodríguez (10-13) e perder na semi ante Luna Martín (7-4).
Na categoría júnior Carlos Sebastián Medranda (-63) logrou a medalla de ouro tras lograr o triunfo na semifinal contra Brathyan Neila e na final ante Erlantz Vázquez (20-26). E tamén foi o vencedor do seu peso Giovanni Imparato (-55), que gañou tres combates. Ademais foi unha final galega, porque Imparato enfrontouse a Alex Pazos (Taekanart) e ambos ofrecéronnos un gran espectáculo, xa que foi unha loita moi pechada que se decidiu pola mínima (13-12). Ouro para Imparato e prata para Alex Pazos.
Ademais, o sénior Jesús Quintela (-63, Taekanart) logrou a medalla de ouro tras acadar a vitoria na semifinal contra Mario Martínez (18-20) e na final ante Alejandro Jiménez no punto de ouro.
O por último, no peso pesado o deportista do Taekanart Brián Franco logrou a prata, tras caer na final contra Sergio María (5-16).