O sábado 14 de decembro celebrarase o Campionato Galego Absoluto de Combate, no Pavillón Alcalde Torres Colomer de Ribeira, onde poderemos desfrutar con moitos dos e das mellores competidoras galegas. Entrada gratuíta.

 

Ás dez da mañá comezará o torneo con preto de cen participantes, entre os que teremos medallistas internacionais e nacionais, a pesar de que non poderán estar as e os deportistas que se atopan concentrados nos Centros de Alto Rendemento. Pero teremos a posibilidade de ver a  Iván García (subcampión do mundo en 2022), que está a dar os primeiros pasos esta tempada. Ademais o club organizador do evento, o Natural Sport Ribeira, que ven de converterse en campión de España de clubs na modalidade de combate a semana pasada, contará cunha importante representación. Así, por exemplo, podemos destacar a Noa Romero, Carla Sesar e Ainhoa Teira, que lograron o ouro no Nacional de clubs. E moito máis. Porque tamén poderemos ver en acción a Arlet Ortiz, Adrián Davila, Mateo Boudjenane, Ekaterina Rebón e moitos outros deportistas de todos os puntos de Galicia.

 

A competición celebrarase en sesión matinal e disputarase nos tres tapices dispostos no pavillón, coa participación de máis de 80 taekwondistas, 24 técnicos/as e máis de 20 árbitros/as.

 

O campionato será organizado polo club Natural Sport de Ribeira, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo. A entrada é gratuíta, pero a organización está a facer unha recollida de alimentos non perecedoiros e animan a tanto participantes como público a sumarse a esta iniciativa a favor de Caritas Ribeira

 

Print Friendly, PDF & Email