Mañá 27 de setembro (a partir das 9:00 horas) celebrarase no Polideportivo Municipal de Poio a I Copa de España Kukkiwon, evento de estrea en España e que reunirá a preto de 600 participantes de Galicia, Asturias, Castela e León, Castela a Mancha, Madrid e Andalucía.
Hoxe tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra a presentación da Copa, acto no que participaron o presidente da Real Federación Española de Taekwondo, Jesús Castellanos; a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez; a vicepresidenta e deputada de Deportes Luisa Sánchez; o alcalde de Poio, Ángel Moldes; o concelleiro de Deportes, Cándido Muiños; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso.
Tanto o presidente da RFET como a vicepresidenta da FGT agradeceron o apoio das institucións para a celebración en Poio desta primeira Copa de España Kukkiwon. Castellanos explicou que a Kukkiwon representa o taekwondo máis tradicional, o máis puro, e destacou a importancia de celebrar esta Copa por primeira vez en España.
Pola súa banda, Noelia Pérez recordou que o evento comezará ás 09:00 horas no Polideportivo Municipal de Poio con preto de 600 participantes e que haberá competición en Poomsae, Freestyle, Rompementos e Exhibición, polo que o público que se achegue (entrada de balde) desfrutará dun gran e variado espectáculo.
A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez sinalou que “para a Deputación de Pontevedra é un auténtico orgullo estar na presentación da Copa de España Kukkiwon, un evento que non é so unha competición deportiva, senón unha celebración dos valores que promove este deporte: o esforzo, a disciplina, o respecto e a superación persoal”.
O alcalde de Poio expresou a súa satisfacción porque é o segundo gran evento deportivo que visita Poio en moi pouco tempo, despois do paso da Volta Ciclista a España, e animou aos visitantes a desfrutar dunha festa gastronómica que haberá no municipio esta fin de semana, a Festa da Ameixa.
Horarios e modalidades
A Copa de España Kukkiwon comeza ás 9 horas de mañá 27 de setembro no Polideportivo Municipal de Poio. Arrincará coa competición de técnica (adultos e idade escolar), que se desenvolverá ata as 14 horas. Pola tarde, despois do parón para a comida, celebrarase a competición de freestyle (de 16:00 a 17:00 horas) e os rompementos (a partir das 18:00 horas). Esta competición, que puntuará para o ranking galego, será a primeira que se celebra en Galicia tralo parón estival.
Ademais, tamén se celebrará a Copa de España de Exhibición (a partir das 17:00 horas), modalidade na que os clubs galegos sempre brillan.
A Federación Mundial da Kukkiwon é unha organización dedicada á difusión, adestramento e investigación do taekwondo no mundo e sobre todo en Corea Do Sur, que traballa de forma coordinada coa Federación Mundial de Taekwondo (WT). A Kukkiwon representa ao taekwondo tradicional e é a que expide os cintos oficiais, mentres que a WT é a responsable dos eventos e a súa regulación.
Este evento é organizado pola Real Federación Española de Taekwondo, coa colaboración da Kukkiwon en Corea e España, a Federación Galega de Taekwondo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Poio e o Club Mace Sport.








