O Open de Holanda foi moi positivo para o taekwondo galego. Ás medallas de Desi Rivadulla e Irene Montemuíño en sénior, hai que sumarlle os podios de Víctor Videla (ouro), Adrián Davila (ouro), Javier Otero (prata) e Dani Abalo (bronce) en cadete e júnior.
Na categoría cadete Víctor Videla (-37, Natural Sport) logrou a medalla de ouro vencendo en catro combates. Na primeira rolda superou a Rayyan Zeynel Dumlu (Alemaña) por 2-0, para avanzar ata os cuartos de final onde se mediu co representante de Francia. Nova vitoria do galego gañando os dous asaltos por diferenza de 12 puntos. Na semifinal superou ao grego Georgios Skafidas, tamén por un contundente 2-0 e mostrándose moi sólido durante todo o combate. Na final esperaba Alexandros Papastergiou (Grecia) e Videla tivo o combate máis duro. Perdeu o primeiro asalto, pero mostrou unha gran madurez para remontar e vencer por 2-1. Fantástico campionato de Víctor!
Na categoría cadete hai que destacar tamén o bronce de Daniel Abalo (-37, Kae Sport). En oitavos de final superou ao deportista Yassine Hassaine (Francia) por 2-1. O galego tivo que superar unha indisposición no primeiro asalto e despois remontou para seguir adiante no torneo. Nos cuartos loitou contra Filipo Maria Lampis (Italia), un contrincante experimentado e complicado nos xiros, pero novamente Dani soubo ler o combate para impoñerse no terceiro asalto. E xa na semifinal, enfrontouse a Alexsandros Papastergiou (Grecia), un adversario moi complicado, forte e máis veterano. A pesar de que Dani logrou vencer un asalto, non puido impoñerse no combate para dar o salto á final. Así, bronce para Abalo.
En cadete tamén participou Tomasa Franco (-47, Natural), que caeu nos oitavos de final ante Alemaña.
En júnior, tamén houbo magníficos resultados para os competidores galegos. Adrián Davila (-45, Kae Sport) logrou o ouro, tras vencer nos tres combates disputados. Nos cuartos de final superou a Aikan Granier Ameur (Australia) por 2-1. Comezou mal o galego, con problemas para atopar a distancia, polo que perdeu o primeiro asalto. Pero remontou vencendo nos dous seguintes para seguir adiante no Open. En semifinais enfrontouse a Massimo Vargiu (Italia). Davila gañou o primeiro asalto, pero no segundo cometeu algún erro que permitiu ao italiano igualar as forzas. Adrián reaccionou moi ben para vencer no terceiro e chegar á final.
Na loita polo ouro esperaba Martiros Tarkhanian (Holanda) e Adrián non deu opción algunha vencendo por 2-0. E iso que era un adversario moi complicado, rápido e forte, o que se veu reflectido en dous asaltos de moita intensidade e cun marcador axustado, que, iso si, caeron a favor de Adrián na última acción.
Ademais, Javier Otero (-51, Kae Sport) logrou a medalla de prata. No primeiro asalto Otero superou ao francés Mehdi Amelhayi, nun combate duro que comezou perdendo, pero que remontou nos dous seguintes asaltos (2-1). Nos cuartos venceu a Jaivyn Khin (Alemaña), en dous asaltos, nos que a pesar da envergadura do rival, Javi soubo medir as distancias moi ben para levarse o triunfo. Na semifinal enfrontouse a Daniel Mehlmann (Alemaña) e houbo un combate moi rifado, pero que o noso taekwondista soubo xestionar moi ben para clasificarse para a final. E no último combate, ante outro alemán, Feyyaz Gumus, Otero tivo que loitar novamente contra un adversario máis alto e forte. A pesar de que perdeu o primeiro, Otero remontou e empatou o combate, pero o terceiro se decidiu por un erro de Javi. Gran actuación do galego que se leva unha prata.
Por último, indicar que tamén participou no Open de Holanda júnior, Noa Romero (-49, Natural Sport Riveira), que superou a primeira rolda ante unha francesa (2-0), pero caeu derrotada nos cuartos de final ante Elini Papazoglou por 2-1.