O Pavillón Municipal do Rosal converterase esta fin de semana no epicentro do taekwondo galego e internacional coa celebración do IX Open Internacional Vila de Moaña, organizado polo Club Taekwondo Patiño Moaña e a Federación Galega de Taekwondo, coa colaboración do Concello de Moaña, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Hoxe celebrouse no Concello de Moaña a presentación oficial do torneo, coa presenza da alcaldesa Leticia Santos, o concelleiro de Deportes Rubén Vieitez e o presidente do club organizador, Miguel Patiño, os cales destacaron a importancia do evento tanto a nivel deportivo como para a proxección da vila.
O evento, que terá lugar os días 4 e 5 de outubro, reunirá a máis dun millar de deportistas, acadando así un récord absoluto de participación nestas nove edicións.
O sábado 4 celebrarase a modalidade de combate, que se desenvolverá en oito pistas e contará con 537 participantes. A competición comezará ás 09:00 horas coas categorías absoluta, cadete feminina, precadete masculina e infantil masculina. Pola tarde (a partir das 16:00) será a quenda das categorías júnior, cadete masculina, precadete feminina e infantil feminina.
O domingo 5 de outubro (de 09:00 a 15:00 h.) haberá 6 pistas para acoller a competición nas modalidades de poomsae e freestyle (6 pistas) cun total de 436 deportistas, o que supón un incremento moi significativo respecto ao pasado ano (268 participantes). Ademais, tomarán parte 80 árbitros e numerosos técnicos acreditados.
.








