Nova medalla galega en Tallín. Nadia Bouzas (-37, Kae Sport) logrou hoxe a prata no Campionato de Europa Cadete, que se está a disputar estes días na capital de Estonia. Nadia tivo unha gran actuación e só sucumbiu ante a turca Gurbuz. Pola súa banda, Noa Romero (-44, Natural Sport) caeu nos cuartos de final por un punto despois dunha magnífica remontada e tamén competiron Pablo Torrado (cadete) e Ainhoa García (sub 21).

 

Nadia Bouzas fixo un magnífico campionato logrando proclamarse subcampioa de Europa da categoría cadete. A viguesa comezou a competición nos oitavos de final contra Jenna Rama (Finlandia). Nadia controlou o combate dende o inicio e foi moi superior para finalizar con diferencia de 20 puntos (25-3) e avanzar aos cuartos. A seguinte rival foi a grega Despoina Nalmpanti (Grecia), pero Nadia mantivo o nivel, con moita tranquilidade e controlando o enfrontamento dende o inicio (25-14).

 

Así se plantou na semifinal ante a cabeza de serie número 1, Milica Vasic (Bosnia Herzegovina). A galega sabía que sería unha rival moi dura e conseguiu descolocala cambiando o ritmo do combate e así logrou impoñerse por 26-12.

 

A final foi ante Hayrunnisa Gurbuz (Turquía), unha rival moi forte e técnica, coa que Nadia xa se enfrontara na semifinal dos Multi European Games en Bulgaria. No primeiro asalto a nosa deportista logrou controlar a Gurbuz, pero despois a turca foi mellor e logrou o ouro.

 

Fantástico o traballo de Nadia Bouzas, que logrou a prata nun Campionato de Europa. O seu adestrador, Carlos Manzano destacou que “estamos moi orgullosos con Nadia e o seu traballo. Ademais, ser subcampioa de Europa no seu segundo ano de cadete é todo un logro”.

 

En cadetes tamén participaron hoxe Noa Romero (-44, Natural Sport) e Pablo Torrado (-41, Suh Costado). Noa estivo moi preto de subir ao podio. En oitavos Noa gañou á ucraína Natalii Kozlova por 11-5, nun combate moi controlado. Nos cuartos enfrontouse á belga Elien  Rabaut. Foi unha loita moi aberta e intensa, na que ambas taekwondistas impuxeron un nivel moi alto de intercambios. No tramo final, Noa conseguiu remontar un diferenza de 10 puntos para quedar a só un punto da belga ao remate do combate. E por último, en cadetes, sinalar que Pablo Torrado perdeu no seu primeiro enfrontamento ante o representante de Chipre Ioannou Stelios (27-10).

 

Categoría sub 21

 

Ainoha García (-67, Couto) non tivo sorte neste Campionato de Europa sub 21. Caeu de forma clara no primeiro combate ante a dura Ikra Kayir (Turquía). Hoxe non foi o día da nosa taekwondista, que estivo nerviosa e non amosou do que é capaz.

 

O Europeo rematará mañá coa participación de tres galegos máis. Sairán ao tapiz Pablo Patiño (-68, Patiño), Adrián Salanova (-74, Maniotas) e Cloe Iglesias (-62, Patiño).

Print Friendly, PDF & Email