O taekwondo galego brilla na primeira xornada do Campionato de Europa de Clubs, que se está a disputar en Albania. En total houbo catro medallas con nome galego na categoría júnior. Noa Romero (Natural Sport Riveira) proclamouse campioa de Europa, mentres que Adrián Davila (Kae Sport), Tomasa Franco (Natural) e Carla Sesar (Natural) foron bronce.
Noa Romero (-52, Natural Sport) logrou o título neste Europeo de Clubs despois de facer cinco combates. O primeiro foi ante Inari Susiluoto (Finlandia) e á galega lle custou un pouco máis do previsto, polo que tivo que resolver en tres asaltos (2-1). Pero a partir de aí tivo un contundente camiño cara á final. En oitavos de final superou a Lana Graovac (Grecia) en dous asaltos e nos cuartos eliminou a Anna Fossaceca (Italia) tamén sen necesidade de desempate. Así xa tiña garantido o metal, pero Noa sempre busca máis. Na semifinal deu boa conta de Stefania Izdra (Grecia), outra vez en dous asaltos e chegou, coa máxima confianza, á final onde esperaba a serbia Nina Stojanovic. Aquí houbo que sufrir un pouco máis (2-1), pero o ouro tiña nome é ese era o de Noa Romero.
Adrián Davila (-45, Kae Sport) logrou o bronce na categoría júnior neste Europeo de clubs. O vigués librou a primeira rolda por ser cabeza de serie número 1, para avanzar á segunda eliminatoria onde esperaba o croata Bezjak. A Adrián costoulle coller o ritmo de combate, pero finalmente venceu en dous asaltos. En terceira rolda enfrontouse ao grego Aidonidis Charalampos e o galego foi tremendamente superior, vencendo en dous rounds e por diferenza de 12 puntos. Na semifinal, Davila veuse fronte a un gran rival, xa coñecido, o polaco Antoni Skolowski. Foi un combate moi duro que se decidiu en tres asaltos, cedendo Adrián pola mínima. Así, o deportista do Kae logrou o bronce e afianza o seu número 1 no ranking europeo.
Tomasa Franco (Natural) e Carla Sesar (Natural) acadaron o bronce en -55 quilogramos, tendo desta forma dobrete galego neste peso no que participaron 22 taekwondistas. Tomasa comezou a competición ante a italiana Giorgia Pastore á que superou en dous rounds sen vacilacións (2-0) e posteriormente enfrontouse a Stanislava Kostadinova (Bulgaria) onde tocou traballar máis para resolver o combate a favor da deportista do Natural en tres asaltos (2-1). Así plantouse nos cuartos de final onde tivo como rival á eslovaca Štante Maš e novamente, Tomasa foi contundente e gañou en dous asaltos. Na semifinal a rival foi a grega Klakala Magdalini e nesta ocasión a galega non puido coa grega, pese a que o intentou todo (2-0).
Pola súa banda, Carla librou a primeira eliminatoria e na segunda esperaba a turca Yaman Oyku. En dous asaltos claros, Sesar logrou a vitoria e plantouse nos cuartos de final, onde loitou coa croata Klara Uglesic. A galega controlou o combate e conseguiu meterse nas semifinais en so dous asaltos, garantindo a medalla de bronce. Na semifinal enfrontouse á Uzuncavdar Sila Irmak (Turquía) e foi un combate moi rifado e disputado, que finalmente caeu a favor da turca (2-1).
Tamén participaron no Europeo Víctor Videla (-45, Natural), Ainhoa Teira (-49, Natural) e José Santamaría (-51, Natural), os cales pese a quedar sen medalla fixeron un gran traballo. Teira quedou as beiras da medallas, despois de vencer en tres combates, eliminando á cabeza de serie número 1. Pola súa banda, Víctor Videla tamén perdeu nos cuartos (2-1), precisamente ante o polaco Antoni Sokolowski, que se converteu no verdugo dos galegos, xa que na semifinal gañou a Davila, tamén en tres asaltos. José Santamaría caeu no primeiro combate, no seu debut internacional.