O Campionato Galego Júnior de Combate 2019 reunirá o sábado 15 de xuño no pavillón municipal Agustín Mourís de Noia a preto de 100 deportistas e 20 árbitros representando a clubs de toda Galicia.
Este torneo, organizado polo club Maniotas de Noia, é moi importante para as e os deportistas na súa loita por acadar a clasificación para o Campionato de España Júnior, que se celebrará no mes de xullo en Valladolid. No Galego –para deportistas nados nos anos 2002, 2003 e 2004– participarán 53 homes e 38 mulleres.
Unha vez máis teremos en acción a magníficos taekwondistas, que a pesar da súa idade, xa amosaron a súa calidade, tanto en Campionatos de España, como a nivel internacional.
Tania Castiñeira, en Luxemburgo. Por outra banda, sinalar que Tania Castiñeira (+73, Hebe) foi convocada pola Federación Española de Taekwondo para participar no Open de Luxemburgo, que se celebra esta fin de semana (do 14 ao 16). A nosa deportista viaxa mañá coa selección española e competirá o sábado.