Chegou o momento. Un ano despois regresa a competición ao taekwondo galego e será coa disputa do Campionato Galego Absoluto de Combate que se celebrará mañá sábado en Ourense. Por suposto, as medidas de protección anti COVID-19 marcarán o desenvolvemento da proba, que se celebrará a porta pechada. O torneo será decisivo para confeccionar a lista de seleccionados para o Campionato de España.

 

Hai moitas gañas de volver aos tapices e á competición e vese reflectido na inscrición que é moi alta (máis de 80 deportistas), e iso a pesar da ausencia de varios campións de España do pasado ano (Sara Cortegoso, Tania Castiñeira, Iván García e Arlet Ortiz), que esta mesma fin de semana teñen competición internacional. Dos campións do ano 2020, só estará en Ourense Alma Pérez. Ademais, este ano haberá un importante cambio xeracional, con moitos deportistas dos anos 2003 e 2004, que se estrean na categoría absoluta e que chegan con gañas de sorprender.

 

Como non pode ser doutra maneira, a pandemia da COVID-19 marcará o desenvolvemento do acto, que se celebrará en dúas sesións (pola mañá, categoría masculina e pola tarde, a feminina). Todos os participantes no torneo realizarán o día antes, na pesada, un test de antíxenos para confirmar que non son positivos.

 

Xa durante o campionato, só haberá dúas pistas de competición e antes de cada combate se desinfectará o material. Ademais, os e as deportistas competirán con máscara e haberá unha zona de quecemento por club, así como os vestiarios. O torneo celebrarase a porta pechada, pero será retransmitido por streaming para que todo o taekwondo galego poida gozar desta volta á competición.

 

Open de Sofía e Turquía. Será unha fin de semana moi completa, xa que o Galego coincidirá cos Open de Sofía e Turquía nos que teremos representación galega. A Federación Española de Taekwondo convocou a Tania Castiñeira, Sara Cortegoso e Manu Parada, e ademais viaxarán cos seus clubs (e cunha subvención da Federación Galega) os deportistas Iván García, Arlet Ortiz e Pablo Patiño. Estes torneos celébranse un tras outro, polo que as e os deportistas viaxarán de Sofía en dirección a Estambul para a seguinte competición. O Open de Sofía (Bulgaria) será o primeiro en celebrarse, do 5 ao 7 de marzo e, posteriormente, terá lugar o Open de Turquía, en Estambul, do 8 ao 13 de marzo,

 

Print Friendly, PDF & Email