Este sábado 27 de marzo celebrarase o Campionato Galego Absoluto de Técnica no Pavillón Domaio de Moaña coa participación de 100 deportistas. Como xa sucedeu co Galego de Combate de Ourense hai un par de semanas, as medidas anti COVID-19 marcarán o desenvolvemento da proba, que se celebrará a porta pechada.

 

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do Galego de Técnica en Moaña, coa presenza da alcaldesa Leticia Santos; a concelleira de Deportes, Dolores Chapela; o concelleiro de Mobilidade, Accesibilidade e Vivenda, Rodrigo Currás e a directora do Hebe, organizador do torneo, Noelia Pérez.

 

A pandemia da COVID-19 decide a marcha do torneo, que xa limita a súa celebración as probas individuais das categorías cadete, júnior, sénior (1 e 2) e máster (1,2,3 e 4), masculinas e femininas. Todos os participantes (en total, 130 persoas entre deportistas, técnicos, xuíces e membros da  organización) para poder acceder ao pavillón deberán realizar un test de antíxenos (e dar negativo) o día antes da celebración do Campionato en algunha das tres sedes habilitadas para cumprir con este requirimento (Moaña, Betanzos e Monforte). Para a celebración do torneo só se utilizarán dúas pistas de competición e antes de cada participación se desinfectará a pista. O torneo realizarase a porta pechada, pero será retransmitido por streaming para que todo o taekwondo galego poida ver aos seus deportistas en acción. Esta proba será decisiva para a elección da selección galega que participará no Campionato de España.

Print Friendly, PDF & Email