Dende que reanudamos as competicións no mes de marzo é algo que se repite: A alta inscrición, que amosa ás gañas que teñen os nosos deportistas de competir. Esta fin de semana celebrarase no Pavillón Alcalde Torres Colomer de Palmeira (Ribeira) o Campionato Galego de Combate das categorías cadete e sub 21. Por suposto, as medidas de protección anti COVID-19 marcarán o desenvolvemento da proba, que se celebrará a porta pechada por decisión da organización para restrinxir ao máximo as posibilidades de contaxio. O torneo será decisivo para confeccionar a lista de seleccionados para o Campionato de España.
O sábado 5, a partir das 09:00 horas, disputarase o Campionato Cadete cun total de 132 deportistas inscritos (80 homes e 52 mulleres). E o domingo 6 será o momento do campionato sub 21, no que participarán 80 taekwondistas (44 na categoría masculina e 36 na feminina).
A pandemia da COVID-19 marcará o desenvolvemento do acto. Todos os participantes no torneo realizarán o día antes, na pesada, un test de antíxenos para confirmar que non son positivos. E ante a decisión de non abrir as portas ao público, o evento será retransmitido pola canle de youtube da Federación Galega:
https://www.youtube.com/channel/UC0Nj3vrxczjoN9-UatOx55g
O torneo é organizado polo club Natural Sport Ribeira en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.