Chegou a medalla no Mundial para o taekwondo galego! Iván García (+87, Mat´s) logrou a medalla de prata no Campionato do Mundo Absoluto 2022, que se está a disputar en Guadalaxara (México). O galego fixo unha competición excepcional, vencendo en todos os seus combates por 2-0 ata chegar á gran final ante o mexicano Carlos Sansores (prata no último Mundial de Manchester), na que o competidor local soubo aproveitar as súas oportunidades para impoñerse.
Iván García comezou a competición ante o portorriqueño Vázquez ao que superou con moita comodidade (2-0) e aproveitou para ir collendo confianza. Posteriormente enfrontouse ao francés Omar Yazidi e novamente Iván mostrouse moi serio e seguro no seu traballo e venceu por 2-0, a pesar dun problema cos petos, que non puntuaban ben. Así se plantou nas semifinais, onde esperaba o brasileiro Maicon Siqueira, outro vello coñecido. Choque clave xa que lle permitiría asegurar a medalla no Mundial e polas circunstancias que o rodearon. Nos primeiros segundos, o galego recibiu unha puñada na cara que tombou no chan o deixou mareado e con visión borrosa. Foron uns momentos moi duros para Iván, que non sabía se seguir nesas condicións, pero tirou de adrenalina e rabia para continuar e gañou en dous asaltos e de forma clara. Medalla asegurada para Iván que “estaba nunha nube, era algo brutal”.
En semifinais, García tiña como rival ao chinés Song, co que se enfrontara no Grand Prix de París. O noso deportista saíu un pouco mareado, pero volveu centrarse no traballo no tapiz e así viviu un combate moi tenso, axustado e completo, no que volveu vencer por 2-0.
A final foi contra o mexicano Carlos Sansores, que contaba co apoio do público. Foi unha loita moi apertada e cunha acción polémica no final do primeiro asalto, na que inicialmente o árbitro sinalou a favor de Iván (sumaba cinco puntos e gañaba o asalto) e despois anulou esa decisión e Iván perdeu ese primeiro asalto. No segundo, a pesar de que estaba ben controlado por Iván, nos últimos segundos Sansores sorprendeu ao galego cunha patada arriba e pechou así a vitoria por 2-0.
Esta medalla de prata é un premio a unha tempada espectacular de Iván, que adestra no CGTD xunto a Jesús Benito. Ao facer balance do Mundial, Iván explicou que “este resultado é unha loucura, non teño palabras. Me parece incrible, pero me quedo con todo o traballo realizado, o ben que estaba e o estado de flow que tiña. O mellor día de mi vida!”.
E non podemos esquecer a nosa taekwondista Tania Castiñeira (+73, Hebe) que tamén competiu onte no Mundial, aínda que sen moita sorte. Tania caeu en primeira rolda ante a taiwanesa Pan por 2-0.
Agora estamos pendentes de Alma Pérez (-53, Suh Sport), que competirá hoxe no seu primeiro Mundial.