O sábado 11 de abril celebrarase no Pavillón Municipal Gustavo Dacal de Ponte Caldelas o Campionato Galego Sub 21 de combate cunha inscrición de 80 deportistas, máis de 30 técnicos/as e 15 árbitros/as.

 

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento na Casa do Concello de Ponte Caldelas coa participación do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra; a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Meilán; e Toño Ríos, en representación do club organizador, o Taekanart.

 

O Galego sub 21, que comezará ás 09:30 horas e se desenvolverá pola mañá, celebrarase nos tres tapices dispostos no Pavillón Gustavo Dacal, no que o taekwondo galego amosará, unha vez máis, o seu gran momento, porque entre os inscritos figuran taekwondistas que xa acadaron grandes éxitos a nivel tanto nacional coma internacional, como Carla Sesar (subcampioa do mundo sub 21 en 2025 e numerosas medallas tanto a nivel nacional coma internacional con só 17 anos), Adrián Davila (bronce nos Multi European Games de Taekwondo e tamén un medalleiro moi completo a nivel nacional e internacional), Javier Otero (bronce no Open de Bulgaria 2026 e sempre presente nas grandes citas internacionais con fantásticos resultados), Tiago Torea (campión de España júnior 2026), Ekaterina Rebón (bronce na final do Grand Prix júnior e convocada por España para competicións internacionais grazas aos seus éxitos tanto a nivel nacional e internacional) ou Noa Romero (bronce no Mundial júnior 2024 e tamén sempre nos primeiros postos das diferentes competicións dende cadete), entre outros. E iso a pesar de que nos vindeiros día celebrarase en Taskent (Uzbekistán) o Campionato do Mundo Júnior, no que Galicia contará con tres representantes (Ángela Balado, Roi Fraga e Thiago Segade) que, por este motivo, non poderán participar no galego.

 

Ademais, a elección do lugar de celebración do Galego sub 21 non foi unha casualidade. En Ponte Caldelas a Federación Galega, xunto coa Deputación de Pontevedra, conta cunha escola de taekwondo dende hai xa máis de 6 anos, nos que se apreciou o crecendo do noso deporte neste municipio.

 

 

Print Friendly, PDF & Email