O club Natural Sport Ribeira asinou unha destacada actuación no Solidarity’s Open, celebrado en Montargis (Francia), onde conseguiu catro medallas: dúas de prata (Lois Tomás e Irene Rodríguez) e dúas de bronce (Noa Romero e Dafne Piñeiro). Tamén participaron neste Open os clubs galegos Kwon Betanzos e Maniotas, pero os seus taekwondistas quedaron sen poder subir ao podio.

 

Primeira xornada: prata para Irene Rodríguez e bronce para Dafne Piñeiro

Na primeira xornada da competición, as deportistas Irene Rodríguez e Dafne Piñeiro foron protagonistas ao conquistar a prata e o bronce, respectivamente. A pesar da esixencia do campionato, ambas demostraron unha gran forma física e mental que lles permitiu subir ao podio e traer dous metais para Galicia.

 

Os representantes masculinos non tiveron a mesma sorte: Thiago Segade e Dani Abeijón quedáronse ás portas das medallas tras intensos combates, mentres que Alberto de la Iglesia, que caeu en primeira rolda, continúa recuperando sensacións positivas.

 

Segunda xornada: prata para Lois Tomás e bronce para Noa Romero

A fin de semana completouse con dúas novas medallas. Lois Tomás, na categoría absoluta, acadou a prata tras realizar un campionato brillante. Superou tres roldas con autoridade e so cedeu na final, nun duro combate a tres asaltos, fronte ao representante turco, medallista mundial.

 

Pola súa parte, Noa Romero, que regresaba á escena internacional, logrou o bronce tras caer en semifinais ante a competidora ecuatoriana, olímpica polo seu país. Así se pecha unha nova edición do Solidarity’s Open con moi bos resultados para o club ribeirense.

 

Participación e Maniotas e Kwon Betanzos

Tamén tiveron unha actuación destacada os deportistas galegos Sebastián Curvelo (Kwon Betanzos) e Samuel Méndez (Maniotas), a pesar da complicada viaxe vivida pola folga de controladores en Francia, que provocou cancelacións e retrasos, obrigando a ambos a pesarse o mesmo día da competición.

 

Sebastián impúxose por KO a un representante francés antes de caer en cuartos contra un español, nun combate que estivo a piques de sentenciar. Samuel, pola súa parte, venceu a rivais de Francia e Alemaña , pero perdeu fronte a Islandia no combate polo pase ás medallas. Ambos asinaron un 5º posto, un resultado moi meritorio dadas as circunstancias.

Print Friendly, PDF & Email