Esta fin de semana (28 e 29 de setembro, Pavillón de Reibón) celébrase o V Open Internacional Vila de Moaña no que participarán máis de 600 taekwondistas de combate, técnica, freestyle e exhibición de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal. Ademais, tamén haberá 60 árbitros e 60 técnicos. O torneo forma parte do circuíto de ranking galego, tanto na modalidade de combate como en poomsae.
O sábado 28 de setembro celebrarase a competición de combate con máis de 300 participantes de 27 clubs, que buscarán os primeiros puntos da tempada nas cinco pistas dispostas no pavillón e con material electrónico de última xeración. Pola mañá (a partir das 09:30 horas) será a quenda das categorías absoluta e cadete. Pola tarde (16:00 horas) chegará o momento dos júnior, infantil e precadete.
A xornada do domingo comezará ás 09:00 horas coa competición de poomsae, na que están inscritos 190 taekwondistas. Ao remate da técnica, comezará o freestyle e pecharase o Open de Moaña coa exhibición. Con referencia aos últimos anos, apréciase unha crecente asistencia en técnica, posiblemente debido á inclusión do Campionato no ranking galego.
A entrada a este torneo, organizado polo club Patiño Moaña en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Moaña, será gratuíta, pero dende a organización solicítase ao público asistente a colaboración coa Protectora de Animais do Morrazo.