O Plan Corresponsables da Xunta de Galicia comeza a dar os seus primeiros pasos no taekwondo galego e unha proba diso é o programa “Diverkwondo” que está a impartir o club Hebe en Poio e Vilanova e no que se ofrece un campus de verán de luns a venres (de 9 a 14:00 horas) para favorecer a conciliación familiar.

Son 20 prazas gratuitas para nenas e nenos de 3 a 16 anos e neste campus, que continuará ata o 1 de setembro, as e os participantes terán a súa iniciación ao taekwondo, así como outras actividades e xogos para que os pequenos pasen unha gran experiencia xuntos.

Aínda hai prazas libres, así que todos os interesados e interesadas só deben poñerse en contacto cos organizadores.

Plan Corresponsables

A Federación Galega de Taekwondo e a Secretaría Xeral para o Deporte asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Corresponsables, que ten coma obxectivo prioritario “actuar con programas e accións que incidan directamente na promoción da igualdade entre mulleres e homes, fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación dás familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos inclusive”. Desta forma, a Federación comprométese “á realización de actividades de animación socio deportiva, habilitando servizos de coidados profesionais e fomentando, á vez que a práctica deportiva, a adquisición de hábitos de vida saudable a través da mesma”.

Con este convenio, a Secretaría Xeral para o Deporte financiará os gastos ocasionados con motivo da habilitación de servizos de coidado profesional de nenas, nenos e a mocidade de ata 16 anos inclusive, que poidan prestarse en dependencias públicas habilitadas ao efecto e a través do desenvolvemento dos seus respectivos programas deportivos na anualidade 2022 ,para mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

Por outra banda, este programa permite a  creación de emprego de calidade no noso sector, ademais de ser unha moi boa oportunidade de promocionar o noso deporte, ao poder chegar a máis xente.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email