O Campionato Galego Cadete e Sub 21 de combate celebrarase o sábado 23 de marzo no Pavillón Municipal de Betanzos cunha participación de 250 deportistas pertencentes a 29 clubs de toda Galicia (12 da Coruña, 12 de Pontevedra, 4 de Lugo e 1 de Ourense).
Hoxe celebrouse o acto de presentación do campionato no Concello de Betanzos, no que participaron Ricardo Cheda, concelleiro de Deportes; o presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz; o presidente do Kwon Betanzos, Adrián Maceiras e o director do Kwon e responsable da organización, Rubén Taboada.
O sábado pola mañá (a partir das 09:00 horas) celebrarase o Galego Cadete coa participación de 155 deportistas en cinco tapices, mentres que pola tarde (16:00) disputarase o torneo sub 21 con preto de 100 taekwondistas, que desenvolverán os seus combates sobre as catro pistas habilitadas no pavillón. Unha vez máis poderemos gozar dun evento de enorme calidade, xa que entre os nosos inscritos contamos con moitos membros da selección española, campións de España en varias categorías e mesmo medallistas europeos en cadete, júnior e/o sub21.
O torneo é organizado polo club Clube Kwon Betanzos, por delegación da Federación Galega de Taekwondo, en colaboración co Concello de Betanzos. A entrada será gratuíta.