Máis de catrocentos deportistas (419) participarán o sábado 8 de xuño na undécima edición do  Open “Cidade do Lérez” de combate, que se celebrará en Pontevedra (Pavillón Príncipe Felipe, a partir das 09:00 horas) organizado polo Taekanart de Pontevedra.

 

Nesta edición participarán 567 persoas, entre deportistas, técnicos/as, árbitros/as e voluntariado, das cales son taekwondistas un total de 419 competidores de 33 clubs, que representan ás catro provincias galegas, Norte de Portugal e España.

 

O martes celebrouse no Concello de Pontevedra a presentación do evento, coa participación da concelleira de Deportes, Anabel Gulias; a deputada provincial de Deportes, Luisa Sánchez; a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez, e o presidente do Taekanart, club organizador, Toño Ríos. Tamén acudiu ao acto, o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso, manifestando así, unha vez máis, a boa relación existente entra ambos clubs pontevedreses.

 

A actividade dará comezo o sábado ás 09:00 horas da mañá coa competición das categorías infantil, cadete e absoluta, continuando ás 16:00 horas da tarde con  precadete e júnior.

 

O Open Cidade do Lerez de Taekwondo, que comezou a súa andaina no ano 2011, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Taekwondo. Ademais, ten a  cualificación de campionato RG nas categorías cadete, júnior e absoluta, o que quere dicir que os resultados outorgan puntos ás e aos deportistas para formar os combinados das selección galegas que representan a Galicia nos Campionatos nacionais.

 

A entrada para o público será de balde.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email