O taekwondista galego Iván García foi intervido este martes dunha lesión de xeonllo que sufriu a semana pasada en Mallorca mentres adestraba. A operación foi realizada no hospital HM Modelo da Coruña polo doutor Rafael Arriaza, especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía.

 

A intervención cirúrxica de Iván García, que consistiu nunha artroscopia para reparar unha rotura de menisco no xeonllo producido durante a práctica deportiva, concluíu con éxito e non precisou de ingreso hospitalario.  A partir deste intre, segundo informan dende o hospital, desenvolverase a recuperación da operación que constará de tres fases: unha primeira de inmobilización e descarga parcial, outra de recuperación da mobilidade e unha terceira de readaptación deportiva específica co obxectivo fundamental de chegar en condicións óptimas ao primeiro campionato importante da disciplina, que se celebra en maio en Acerbaixán.

 

Iván García ven de facer unha tempada excepcional no ano 2022, na que se proclamou subcampión do mundo e de Europa e ademais conseguiu a medalla de bronce no Grand Prix de París. Así é o número 2 na clasificación mundial de Taekwondo e na presente campaña está en Xogo a clasificación para os  Xogos Olímpicos de París 2024.

 

Print Friendly, PDF & Email