O verán tamén é tempo de seguir adestrando, aprendendo e compartindo experiencias. O taekwondo galego non para e, nos vindeiros días, dous importantes stages de verán reunirán en Galicia a deportistas de diferentes puntos de Europa e de España, con dúas propostas centradas en dous dos grandes piares da nosa modalidade: a técnica e o combate.
Por unha banda, o Summer Camp Elite Poomsae, organizado polo Hebe, converterá do 24 ao 29 de agosto o pavillón do Príncipe Felipe nun punto de encontro internacional para os especialistas en técnica. Pola outra, o 7º Stage de Verán de Combate de Alta Competición, organizado por Kae Sport, reunirá do 23 ao 30 de agosto preto de medio centenar de deportistas nunha semana de preparación, aprendizaxe e convivencia.
Elite Poomsae: seis días de técnica ao máis alto nivel

O Summer Camp Elite Poomsae será un stage de ámbito internacional e terá un marcado carácter preparatorio de cara ao Campionato do Mundo. Durante seis días, de luns a sábado, deportistas procedentes de dez países europeos compartirán adestramentos no Príncipe Felipe.
A cita contará coa presenza de deportistas de países como Francia, Hungría, Alemaña, Portugal, Dinamarca, Inglaterra, Irlanda ou Croacia, entre outros, e reunirá algúns dos nomes máis destacados da modalidade.
Entre eles estará e a danesa Eva Sandersen, unha das grandes referentes internacionais do poomsae, ou Benjamin Hellegard, medallista mundial, que tamén impartirá clases no seminario. E sen esquecer á portuguesa Eduarda Ferraz, dobre campioa do mundo, que achegará a súa experiencia a un stage pensado para prepararse para afrontar con garantías o Mundial.
Combate de alta competición: unha semana para medrar e gozar do taekwondo
Do 23 ao 30 de agosto celebrarase tamén o 7º Stage de Verán de Combate de Alta Competición de Kae Sport, que reunirá a 50 participantes no Camping Ría de Arousa.
O programa contempla dúas sesións diarias, nas que se traballarán aspectos técnico-tácticos e físicos, ademais doutras actividades complementarias. O stage contará, ademais, coa presenza de tres destacados especialistas do taekwondo español: Iván García, Jesús Benito e Alba Vidal, que exercerán como relatores e compartirán cos participantes os seus coñecementos e experiencias.
Un dos obxectivos da iniciativa é aproveitar a presenza destes deportistas e técnicos para elevar o nivel xeral do grupo, ao tempo que se pon en marcha a pretempada e se traballa na preparación dos próximos grandes compromisos, entre eles os Campionatos de Europa Cadete e Sub-21 e os Multi Games.
Pero o stage vai moito máis alá da preparación competitiva. A proposta de Kae Sport busca tamén que as e os deportistas poidan aprender, compartir, divertirse e gozar do taekwondo durante unha semana, nun contorno privilexiado como o Camping Ría de Arousa.








