O taekwondo galego pechou a súa participación no Open de Portugal, torneo G1 puntuable para os rankings mundial e europeo, cun balance de 20 medallas (7 ouros, 2 pratas e 11 bronces). En categoría sénior chegaron os ouros de Sergio Troitiño (Mat’s) e Roi Fraga (Número Phi), ademais dos bronces de Helena García (Dobok), Arlet Ortiz (Mat’s), Tania Castiñeira (Hebe), Iago Mallo (Tao) e Adrián Davila (Kae Sport). Nas categorías inferiores, Galicia proclamouse subcampioa por equipos júnior e rematou quinta en cadete, nun campionato que serviu como primeira toma de contacto internacional da tempada para moitos dos seus deportistas.

 

Dous ouros e cinco bronces en sénior

A categoría sénior pechou a competición cun excelente balance de sete medallas para o taekwondo galego, na primeira competición internacional tras o parón estival.

 

Sergio Troitiño (Mat’s) proclamouse campión na categoría de +87 kg tras realizar un campionato impecable, resolvendo todos os seus combates en dous asaltos. No seu camiño cara ao ouro superou ao canadense Aubert Lebel, ao serbio Milos Golubovic e, na final, ao británico Canden Cunningham, demostrando un gran nivel competitivo. “Atopeime con competidores novos, pero conseguín gañar todos os combates en dous asaltos, aínda que os petos non estaban todo o ben que deberían. Agora toca pensar na concentración de Niza e despois no Grand Prix de Corea”, explicou o deportista galego.

 

O outro ouro foi para Roi Fraga (Número Phi), que asinou un debut internacional absoluto para o recordo. Aínda júnior, proclamouse campión sénior en -74 quilogramos tras superar cinco rivais de gran nivel: David Cabrera (Estados Unidos), Mehmet Polat (Turquía), Aliou Mane (Francia), Lukasz Cudnoch (Polonia) e Abdelhamid Abdouni (Marrocos), conquistando un título de enorme prestixio.

 

As medallas de bronce foron para Helena García (Dobok) en -73 quilogramos, Arlet Ortiz (Mat’s) en -57, Tania Castiñeira (Hebe) en +73, Iago Mallo (Tao) en -87 e Adrián Davila (Kae Sport) en -54.

 

Helena García (Dobok) comezou a tempada con boas sensacións, vencendo á británica Courtney Kramoh e á caboverdiana Dangnide antes de caer na semifinal fronte á francesa Emna Hamadache.

 

Pola súa banda, Arlet Ortiz (Mat’s) mantivo o excelente estado de forma co que rematara a pasada tempada. Superou á portuguesa Ana Adrego e á danesa Maria Ghannam antes de ceder na semifinal fronte a italiana Anna Frassica.

 

Tamén logrou o bronce Tania Castiñeira (Hebe), que venceu nos cuartos de final á danesa Hafsa Lian Chtioui e perdeu nun igualado combate de semifinais, decidido no terceiro asalto, ante a checa Alice Binova.

 

En -87 quilogramos, Iago Mallo (Tao) acadou a medalla de bronce tras superar ao lituano Gabijus Balciunas nos cuartos de final e caer na semifinal fronte ao tunisiano Firas Katousi, que acabaría proclamándose campión.

 

O sétimo metal chegou grazas a Adrián Davila (Kae Sport) en -54 quilogramos. O galego eliminou ao español Sergio Benito e a Manuel Mendo antes de perder na semifinal fronte ao británico Zack Sarzoza.

 

A selección galega, subcampioa por equipos júnior

Antes da competición sénior, a selección galega xa asinara unha brillante actuación nas categorías de formación. En júnior proclamouse subcampioa por equipos, só por detrás do potente equipo estadounidense CUTA e por diante da selección de Turquía. En cadete, Galicia rematou na quinta posición da clasificación por equipos.

 

Estes resultados foron posibles grazas ás seguintes medallas da selección galega:

 

JÚNIOR

– Ouros: Ángela Balado (Mat’s), Antón Quintero (Kwon Betanzos), Daniel Agra (Mat’s)

– Pratas: Noa Garrido (Mat’s)

– Bronces: Lucía Golobardas (Patiño), Mario López (Patiño), Lucas Corbacho (Taekanart)

 

CADETE

– Ouro: Alba Figueira (Boudsport)

– ⁠Bronce: Noreia Vales (Dobok)

 

Ademais da selección galega, varios deportistas galegos que competiron cos seus clubs tamén contribuíron ao excelente medalleiro. Na categoría júnior, Carla Álvarez (Kae Sport) conseguiu o ouro, Mario Faro (Kae Sport) foi prata e Nicolás Casas (Mace Sport) acadou o bronce. En cadete, Valeria Mallo (Taekanart) sumou unha nova medalla de bronce para o taekwondo galego.

 

Noraboa a todas e todos!

 

Print Friendly, PDF & Email