Esta fin de semana (30 de setembro e 1 de outubro, Pavillón Municipal do Rosal) celébrase o VII Open Internacional Vila de Moaña de combate, técnica e freestyle, que este ano supera récords de participación con 900 inscritos. Será o primeiro torneo da presente tempada en Galicia e ademais forma parte do circuíto do ranking galego, tanto na modalidade de combate como en poomsae e freestyle.
En total serán 900 participantes de máis de 40 clubs de toda a xeografía galega, do norte de Portugal, Asturias, Valencia e Castela e León. O sábado 30 de setembro celebrarase a competición de combate con 510 taekwondistas. Haberá 8 pistas no pavillón e contará con material electrónico de última xeración e vídeo replay. Pola mañá (09:00 horas) será a quenda das categorías absoluta, cadete e infantil, mentres que pola tarde (16:00 h) chegará o momento dos júnior, e precadete. A xornada do domingo comezará ás 09:30 horas coa competición de poomsae e freestyle, na que están inscritos case 300 taekwondistas. A isto hai que sumarlle 75 técnicos de combate e 36 de poomsae.
O Club Patiño é o organizador por delegación da Federación Galega de Taekwondo, xunto ao Concello de Moaña, e ademais conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.