O pavillón municipal de Pontevedra acollerá esta fin de semana o XXVIII Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, unha das citas máis destacadas do calendario autonómico e nacional, que contará con case 2.000 inscricións (deportistas, adestradores e xuíces) pertencentes a máis de 100 clubs de España, Portugal, México, Nicaragua, Francia e Andorra. “Por primeira vez tivemos que pechar inscricións dúas semanas antes”, asegurou durante a presentación do Open o máximo responsable do Mace Sport, Miguel Cortegoso.
O campionato, organizado polo Club Mace Sport en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e o Servizo Provincial de Deportes, desenvolverase durante os días 31 de outubro e 1 de novembro e reunirá a taekwondistas de todas as idades (de 4 a máis de 65 anos) e categorías. Ademais, nesta edición estrearase a categoría de parataekwondo e recuperáronse as modalidades de poomsae, freestyle e exhibición, a petición dos clubs.
O mércores celebrouse a presentación do evento no Concello de Pontevedra, coa participación do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; a concelleira de Deportes Anabel Guliás; a responsable de deportes na Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, e representantes do club organizador.
A competición contará con dúas xornadas. O sábado 31 de outubro, dende as 9.00 horas, concentrarase a categoría de combate, cun total de 1.162 inscricións; mentres que o domingo 1 de novembro será a quenda das categorías de poomsae con 633 participantes, freestyle (42) e exhibición (115).
O XXVIII Open Cidade de Pontevedra de Taekwondo retransmitirase en directo por 11 canais de YouTube co marcador en directo. Ademais, contará con petos e cascos electrónicos GEN3 de vangarda e sistema de vídeo-replay que se utiliza nos Xogos Olímpicos, con 4 cámaras en cada pista, un sistema que axuda ao equipo arbitral e aos deportistas.








