Esta fin de semana (10 e 11 de febreiro) celebrarase a XVIII edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo no Coliseum da Coruña cuns 800 participantes entre deportistas, técnicos, colectivo arbitral e membros da organización. Como todos os anos, a organización realizará unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da cidade herculina.
En total, neste gran evento contaremos con 640 deportistas de 51 clubs de toda España (Asturias, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias, Baleares e por suposto Galicia), ademais de países como Portugal. Tamén están inscritos na Copa Cidade da Coruña 93 técnicos/as, 25 voluntarios/as, 40 árbitros/as e 2 médicos. O torneo é rankeable a nivel galego e tamén no nacional na categoría máster.
A Copa Cidade da Coruña, organizada pola Escola de Taekwondo Garrapucho, disputarase na modalidade de combate en todas as categorías e ademais en infantil, precadete e cadete haberá Liga B. Para a celebración de todos os combates disporanse 8 tapices no Coliseum.
O sábado pola mañá (de 9 a 14 horas) celebrarase a competición das categorías infantil e júnior, mentres que pola tarde (de 16 a 20:00 horas) será a quenda para precadetes, sénior e máster. A Copa Cidade da Coruña finalizará o domingo pola mañá (de 9 a 14:00) coa disputa da categoría cadete.
Como todos os anos, a Escola de Taekwondo Garrapucho organiza unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da Coruña, con máis de 130 anos de historia. A entrada ao recinto será gratuíta, polo que a organización anima a todos os participantes no evento (deportistas, árbitros, técnicos e público) a doar alimentos non perecedoiros, que se entregarán a esta emblemática institución benéfica.