O Campionato Galego Júnior de Combate 2022 reunirá o sábado 5 de febreiro, no pavillón Castelao I de Ordes, a case 100 deportistas, que terán que presentar o seu certificado de vacinación ou o test de antíxenos para poder acceder á pesada.
O Galego Júnior comezará ás 9:00 horas e se desenvolverá en horario matinal. Unha vez máis, a COVID condicionará o torneo, nesta ocasión con respecto ao público. O acceso ao pavillón será limitado segundo o aforo da instalación. Deberán presentar pasaporte de vacinación ou certificado de antíxenos realizado nas últimas 24 horas. O público deberá permanecer sentado, coa máscara e non se poderá comer nin beber na bancada.
Unha moi boa oportunidade para ver ás e aos nosos deportistas en acción, esa canteira que xa está amosando unhas grandes condicións. Varios dos e das inscritas no Galego xa participaron en campionatos nacionais e internacionais.