Esta fin de semana celebrouse en Tirana o Open de Albania nas categorías cadete, júnior e sénior e Galicia logrou dous metais: Víctor Videla (-48, Natural Sport) acadou o ouro na categoría júnior, mentres que Julia Gómez (-41, Kwon Betanzos) foi bronce en cadete. Tamén houbo participación en sénior, pero nesta ocasión sen medallas, aínda que si con aprendizaxe.
Víctor Videla estreaba peso (-48 quilogramos) e non puido irlle mellor. Fixo catro combates e venceunos todos en dous asaltos. En primeira rolda enfrontouse ao italiano Gabriele Demitri e avanzou con facilidade aos cuartos onde deu boa conta de Ady Huseinovic (Bosnia Herzegovina). Na semifinal esperaba o subcampión asiático Al Bulushi Qaboo, e o deportista do Natural fixo un fantástico combate para impoñerse sen ter que acudir ao desempate. Na final enfrontouse ao romanés Andrei Sarbu e outra vez Videla non deu opción algunha e venceu en dous asaltos para acadar a medalla de ouro na primeira saída internacional da tempada.
Na categoría cadete, Julia Gómez (-41, Kwon Betanzos) logrou a medalla de bronce tras facer unha gran competición. Comezou a súa participación en oitavos de final, como cabeza de serie número 3 e gañou con autoridade (2-0) á súa primeira rival, Anna-Lena Voll (Alemaña), e repetiu resultado nos cuartos de final contra unha deportista búlgara. Xa nas semifinais tocaba a cabeza de serie 2, Vedrana Tuneski (Macedonia). Tras un primeiro asalto no que a rival de Julia se adiantou rápido no marcador e a deixou sen opcións; no segundo igualáronse as tornas e alternouse o dominio no marcador ata o 8-7 final que outorgaba a Julia a medalla de bronce. A competidora macedonia acadaría despois o ouro gañando na final á italiana Virginia Lampis, actual campioa do mundo.