Alma Pérez (-53, Costado Taekwondo Boiro) e Helena García (-73, Dobok) brillaron esta fin de semana no Open de Polonia. Alma acadou a medalla de ouro, mentres que Helena foi bronce e seguen a sumar éxitos nas competicións internacionais nas que participan.

 

Alma Pérez (-53) comezou a competición ante Yarden Nesher (Israel) nun combate que se decidiu en dous asaltos. No primeiro Alma gañou de forma clara, mentres que o segundo foi máis xusto, pero tamén con vitoria. 2-0, para Alma. Na segunda rolda, a galega enfrontouse a Tara Marinic (Croacia), nun combate que se decidiu en tres rounds. Perdeu o primeiro, pero remontou e venceu nos dous seguintes para alcanzar a semifinal.

 

Noori Parnian (Irán) foi a seguinte rival de Alma e tamén foi unha loita dura e axustada que se decidiu en tres asaltos a favor da nosa taekwondista, que se meteu así na gran final onde esperaba a israelí Ariel Vigdor. Alma gañou o primeiro asalto con comodidade, empatou o segundo (e caeu a favor de Vigdor por rexistros) e no terceiro volveu impoñerse a galega para conseguir así a medalla de ouro, que lle permite manter o segundo posto no ranking mundial.

 

Pola súa banda, Helena García (-73) logrou a medalla de bronce tras superar dúas eliminatorias e perder na semifinal ante a campioa olímpica Althea Laurin (Francia). En primeira rolda Helena gañou a Leah Kerr (Irlanda) en dous asaltos e de forma cómoda, para seguir avanzando no Open. Nos cuartos de final esperaba a croata Matea Kolovrat e Helena deu boa conta da rival para seguir avanzando e meterse na semifinal, onde esperaba unha rival moi dura e complexa: Althea Laurin. Helena tentouno en todo momento, pero nesta ocasión non puido coa campioa olímpica e subiu ao podio para recoller esa traballada medalla de bronce.

 

Noraboa rapazas!

#taekwondogalego #orgullosasdasnosas

Print Friendly, PDF & Email