Seguen chegando magníficas noticias do Open de Turquía para o taekwondo galego! Iván García (+87, Mat´s) acadou a medalla de ouro tras vencer en catro combates e ante rivais de moita entidade.
A competición de Iván comezou ante o turco Muhammet Cetinkaya, ao que superou con bastante facilidade, nun combate sinxelo para o noso deportista. En segunda rolda tiña un rival moi complicado, Anthony Mylann Obame, subcampión olímpico en Londres e medallista mundial, pero Iván dominou o intenso combate en todo momento e logrou un importante triunfo que xa o colocou na semifinal. E novamente outro taekwondista duro: O polaco Mikolaj Szaferski, que gañara ao noso deportista en Alemaña o pasado ano. Pero esta vez non foi así. O deportista do Mat´s xa o coñecía e soubo como enfrontalo e venceu por 18-10.
Así, con ese magnífico percorrido, plantouse na final onde esperaba Radik Isaev, ouro olímpico en Río e campión do mundo. Foi un combate moi completo, tenso e súper emocionante ante un rival de semellante calidade, pero novamente Iván soubo ler perfectamente ao rival e logrou así unha vitoria moi importante (15-10). Con este ouro no Open de Turquía, Iván García completa unha xira espectacular (prata en Sofía e ouro en Turquía) e suma 16 puntos no ránking mundial, ademais dunha gran experiencia xa que se enfrontou a varios olímpicos de moito nivel.
A noticia negativa chegou con Arlet Ortiz, que despois de superar dúas roldas e cando ía a disputar os cuartos, tivo que abandonar en medio da competición, ao comunicarlle a organización que dera positivo en COVID-19. Todos os deportistas pasan por unha proba PCR o día antes da competición, pero o protocolo non funcionou correctamente, ao comunicar o resultado cando a deportista xa estaba en medio da competición. Agora Arlet, que está en perfectas condicións físicas, terá que quedarse confinada ata que a PCR dea negativo e poida saír e regresar a casa.