Esta fin de semana celebrouse o Open de Suecia en Estocolmo e os nosos deportistas renderon a un gran nivel. Na categoría sénior, Iván García (+87, Mat´s) e Sergio Troitiño (-87, Mat´s) lograron o ouro, igual que Adrián Davila (-45, Kae Sport) en júnior, que tamén subiu ao máis alto do podio.

 

Iván García continúa coa súa posta a punto trala lesión e as sensacións son cada vez mellores. Este foi o último test antes do Gran Prix Final, que se celebrará a comezos de decembro en Manchester. En Suecia, Iván superou a Manuel Pollet (Bélxica) en dous asaltos e de forma moi clara e na final venceu a Edijan Secic (Croacia) en tres asaltos, aínda que o combate estivo controlado dende o inicio por Iván, que o utilizou para probar cousas.

 

Pola súa banda, Sergio Troitiño acadou a primeira posición en Suecia despois de vencer na semifinal a Kasra Mehdipournejad (Alemaña) en dous asaltos. Apenas sen tempo para descansar, enfrontou a  final na que tiña como rival ao número 2 do ranking mundial e medallista mundial  Icaro Martins (Brasil). Foi un combate durísimo que se decidiu en tres asaltos e no que Sergio superou a Martins. Fantástico papel o de Sergio!

 

Na categoría júnior, o ouro foi para Adrián Davila (-45, Kae Sport), quen librou a primeira rolda por ser cabeza de serie. Despois, na semi e final enfrontouse a sendos suecos e gañou os dous combates con gran solvencia e superioridade. Desta forma, Adrián entra no top 5 Europeo da súa categoría.

Print Friendly, PDF & Email