O Campionato Galego Cadete e Júnior de Combate 2025 reunirá o sábado 25 de xaneiro, no pavillón do CEIP Forte Bragade de Oza-Cesuras a preto de 300 deportistas e máis de 30 árbitros/as, nunha cita na que poderemos gozar dos novos valores do taekwondo galego.

 

Organizado polo Kwon Betanzos por delegación da FGT, o Galego Cadete comezará ás 9:00 horas cun total de 154 participantes e desenvolverase en horario matinal sobre os 5 tapices dispostos no pavillón. Na categoría cadete masculina están inscritos 63 homes, mentres que na feminina haberá un total de 91 mulleres. Na participación feminina hai ata tres finalistas do pasado campionato de España cadete: Ángela Balado (Mat´s), ouro e quinta no Europeo da categoría; Julia Gómez (Kwon Betanzos) e Keila Crujeiras (Malamia), ambas subcampioas de España. Na categoría masculina destaca Daniel Abeijón (Natural Sport), presente no último Europeo cadete.

 

Ás 16:00 horas comezará o Campionato Galego Júnior coa participación de 124 taekwondistas (72 homes e 52 mulleres) en catro tapices. Tamén nesta categoría gozaremos coa participación de  varios medallistas nacionais en júnior, ou que veñen de selo en cadete e agora acceden á nova categoría. Destacan Carla Sesar, do Natural, actual campioa de España e mundialista, ou Lucía Salanova (Maniotas-Noia), subcampioa de España na última edición.

 

 

Print Friendly, PDF & Email