Pablo Patiño (-68, Patiño) acadou a medalla de bronce na President´s Cup, que se está a celebrar estes días en Durrës (Albania).

 

Fantástica a actuación do noso deportista, que se enfrontou a grandísimos competidores e deu a cara en todo momento. En primeira rolda o taekwondista galego tivo que remontar un 10-0 en contra fronte a Matija Crep (Croacia) e finalizou con vitoria (18-17). A continuación, Pablo enfrontouse ao cabeza de serie número 4, Nimrod Krivishkiy (Israel) nun combate moi axustado (8-7). Nos cuartos o rival foi o ruso David Nazaryan, un taekwondista de gran nivel que eliminara en primeira rolda a Manu Parada. Outra vez foi un combate igualadísimo e moi disputado que caeu a favor de Patiño por 4-3. Así garantiu a medalla e enfrontou a semifinal ante Javier Pérez con confianza. Novamente, a igualdade foi máxima e Pablo Patiño perdeu por rexistros ante o seu compañeiro de selección.

 

Este mesmo día tamén competiron Desirée Rivadulla (Suh Sport) e Tania Castiñeira (Hebe) no peso pesado feminino (+73). Tania caeu nos cuartos de final despois de superar nos oitavos a italiana Laura Giacomini (3-2), unha pelexa na que os puños foron claves. Nos cuartos foi eliminada pola croata Nika Petanjek (3-8), nun combate axustado e ainda que Tania presionou ata o último segundo, non foi suficiente para remontar e gañar. A pesar de non poder subir ao podio, a noticia positiva para Tania foi que xa ocupa o primeiro posto do ránking nacional por diante de Belén Morán, que caeu na primeira rolda.

 

Pola súa banda, Desirée superou a primeira rolda contra Anna Krapivka (Rusia) pola mínima e caeu de forma clara na segunda ante a carismática Bianca Walkden (Gran Bretaña).

Print Friendly, PDF & Email