Pablo Patiño (-63, Patiño) logrou a clasificación para o Europeo júnior, tras conseguir a medalla de bronce na President´s Cup júnior en Antalya (Turquía). Foi unha medalla moi disputada, xa que o galego tivo que vencer catro combates para garantir o bronce. Finalmente non puido presentarse á semifinal, xa que en cuartos sufriu un golpe no xeonllo e non quixo arriscar.
Na primeira rolda Pablo venceu ao turco Sadullah Karakoc con enorme superioridade (18-2). Posteriormente enfrontouse ao ruso Egor Mokerov e nova vitoria ampla para o deportista do Patiño (8-18). Nos oitavos de final o rival foi outro ruso, Ivan Arbuzov, e novamente Pablo arrasou (18-7).
Nos cuartos de final, o choque decisivo para garantir as medallas, Pablo enfrontouse ao grego Vasileios Tholiotis e sen dúbida foi o combate máis duro. Pablo ía por diante no marcador, cando ao impactar ao rival no casco se lle quedou bloqueado o xeonllo, que levaba unas semanas dando algún problema ao galego. Así Patiño tivo que tirar de recursos para conseguir rematar o combate e lograr así a medalla e a clasificación para o Europeo. Sufriu un pouco pero gañou por un axustado 12-11. Na semifinal ante outro ruso (Khanmagomed Ramazanov) non puido saír ao tapiz, pero xa tiña acadado o seu obxectivo: Clasificarse para o Europeo júnior.
Alejandro Paz (-55, Natural Sport) quedou ás beiras da medalla, ao perder nos cuartos contra o representante de Dinamarca. Antes gañou tres combates. En primeira rolda eliminou a Shamil Magomedov (Rusia) por 17-22, e na seguinte eliminatoria foi tremendamente superior a Ian Midzor (Croacia) ao que gañou por 21-1. Nos oitavos de final superou ao italiano Cosimo Dell´Aquila tamén de forma rotunda (31-16) e nos cuartos de final foi cando perdeu nunha axustada loita ante Tobias Hyttel (14-19).
Giovanni Imparato (-51, Mace Sport) superou a primeira rolda ao vencer a Ibrahim Turkay Akkus (Turquía) nun axustado combate (15-14). No seguinte, enfrontouse a Denis Isaev (Rusia) e nesta oportunidade non puido vencer (14-10).
Por último, sinalar que Javier Torrado (-59, Suh Sport) caeu na primeira rolda ante Cyrian Ravet (Francia) por 13-6.