O galego Pablo Patiño (-68, Patiño) acadou a medalla de prata nos Multi European Games, que se están a disputar en Sarajevo (Bosnia) estes días (do 11 ao 15 de maio).
Pablo comezou a competición ante o bosnio Matej Orlovic ao que superou con claridade en dous asaltos (7-3/7-2). Nos cuartos de final tamén tivo enfronte a un competidor local, nesta ocasión Sadmir Habibovic, e repetiuse o mesmo e contundente resultado (7-0/10-4).
Desta forma, garantiu a medalla, pero Pablo buscou seguir avanzando. Na semifinal pelexou co alemán Mohamed Omeirat e este foi un combate máis duro e axustado que se decidiu a favor do noso deportista por 2 a 1 ( 5-0/1-6/8-3).
Así chegou a final onde esperaba o turco Emre Gokhan Kesgin. Pablo, cunha lesión nos isquios, tivo que retirarse no segundo asalto, despois de perder o primeiro de forma moi axustada (5-4). Pero a perna dixo basta e veuse obrigado a parar. Iso si, despois de facer unha fantástica competición e regresar a casa cunha prata no peto e a perna e a man bastante prexudicadas.
Agora, a recuperarse e pensar na vindeira proba que será o Open de Luxemburgo o 9 de xuño.
Noraboa Pablo!