O Campionato Galego Júnior de Combate 2021 reunirá o sábado 10 de xullo, no pavillón municipal de Portonovo, a preto de 100 deportistas e en total máis de 160 persoas (deportistas, técnicos, árbitros e persoal de organización). Volverá celebrarse este campionato despois de un ano de ausencia, xa que non houbo Galego no ano 2020 pola pandemia da COVID-19.
E foi un torneo accidentado, xa que a falta de dous días para a celebración houbo cambio de sede. Inicialmente o Galego íase celebrar en Cambados, pero o Concello decidiu o xoves suspender a autorización do evento ante o aumento de casos de COVID, polo que a organización buscou solucións en tempo récord e, grazas á colaboración do Concello de Sanxenxo, conseguiu a cesión do pavillón de Portonovo.
Este torneo, organizado polo club INAE, contará cun estrito protocolo de prevención da COVID-19. Desta forma, a categoría masculina, con 52 taekwondistas, celebrarase en sesión matinal (a partir das 09:00 horas), mentres que a feminina terá lugar pola tarde (16:00 horas) cun total de 42 deportistas inscritas. Todos os participantes acudirán ao evento cun test de antíxenos negativo.
Unha vez máis teremos en acción a magníficos taekwondistas, que a pesar da súa idade, xa amosaron a súa calidade, tanto en Campionatos de España, como a nivel internacional.