Fantástica actuación da nosa Alma Pérez (-53 quilogramos, Suh Sport) no Open Mundial de Taekwondo Feminino, que se estivo celebrando estes días en Riad (Arabia Saudí). A galega logrou a medalla de prata, despois dunha incrible competición na que gañou a tres taekwondistas cun curriculum destacado.

 

Alma fixo o primeiro combate contra Ghazal Oltani (Irán), que chegaba avalada por bos resultados (campioa do Mundo cadete, medallista de Asia…), pero a galega foi moi superior e logrou o pase ás cuartos de forma cómoda (18-6). Posteriormente, enfrontouse á serbia Tijana Bogdanovic, dúas veces medallista olímpica (prata en Río e bronce en Tokyo). Foi unha loita moi axustada durante todo o combate, pero Alma logrou puntuar cunha acción arriba nos últimos segundos para lograr o pase ás semifinais por 12-9. A semifinal foi ante a rusa Margarita Alieva e novamente, Alma estivo imparable para gañar por 22-3 e meterse na final.

Neste último combate Alma enfrontouse a unha vella coñecida, a turca Merve Dincel, xa que se enfrontaran a semana pasada en Bosnia con triunfo da turca. A final estivo tremendamente igualada, tanto que os tres asaltos remataron con empate polo que houbo que acudir ao punto de ouro para definir a campioa. E aquí Dincel logrou puntuar arriba e conseguir a primeira posición.

 

Fantástica prata para Alma Pérez que logrou a segunda medalla para España (as dúas foron galegas, xa que a outra foi o bronce de Tania Castiñeira) e 24 puntos para o  ranking olímpico.

 

 

Print Friendly, PDF & Email