O taekwondo galego volveu amosar a súa fortaleza a nivel internacional, cunha destacada actuación no Open de Bélxica, onde Arlet Ortiz (-57, Mat´s) logrou a medalla de prata e Ekaterina Rebón (-62, Número Phi)  fíxose co bronce.

 

Arlet Ortiz, que viaxaba co seu club, asinou unha competición sobresaliente en Lommel, demostrando un gran nivel ao longo de todo o torneo, onde volvía competir en -57.

 

Na primeira rolda, Arlet venceu con claridade á neerlandesa Sara Mouch por 2-0. Xa nos dezaseisavos, superou nun combate máis axustado á británica Teigan Smith (2-1), unha rival moito máis complexa. Nos cuartos de final impúxose á croata Margarita Vukic (2-0), remontando o segundo asalto nos compases finais, e nas semifinais derrotou con autoridade á representante de China Taipei, Wei-Chun Lin, por 2-0.

 

Na gran final, Arlet enfrontouse á Chuling Zhang (China), medalla de bronce no Mundial de Wuxi,  nun combate moi igualado. A galega levou o primeiro asalto, pero os dous seguintes decidiron nos instantes finais a favor da súa rival, deixando a Arlet cunha máis que meritoria medalla de prata. “Sentinme moi ben durante toda a competición e estou moi contenta”, sinalou tras o torneo.

 

Pola súa banda, Ekaterina Rebón, que tamén competía co seu club, acadou unha valiosa medalla de bronce na categoría sénior feminina de -62 kg, tras completar tamén unha actuación excepcional ante rivais moi importantes.

 

A deportista galega iniciou o seu camiño con vitorias ante a chinesa  Nini Yang (2-0) e a turca Gokce Gogebakan (2-0). Nos cuartos de final asinou un triunfo de moito mérito fronte á tamén turca Sevval Cakal (2-1), número 1 do ranking do torneo, campioa de Europa sub21 en 2024 e campioa da Universiada en 2025.

 

Xa en semifinais, Ekaterina medíase á representante de China Taipei Chia-Ling Lo, medallista olímpica, nun combate moi disputado que se decidiu no último asalto. A galega chegou a gañar un dos asaltos e loitou ata o final, quedándose ás portas da final pero asegurando unha destacada medalla de bronce.

 

Tras este gran resultado en Bélxica, ambas deportistas xa teñen a vista posta no seu seguinte reto: o Open de Turquía.

 

Noraboa rapazas!!!!

 

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email