Tres medallas galegas no Open de Sofía! Iván García (+80, Mat´s) acadou a medalla de prata, mentres que Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Pablo Patiño (-68, Patiño) lograron o bronce. Magnífica xornada para o taekwondo galego nun torneo de moitísimo nivel.

 

Iván García, que viaxaba coa subvención da Federación Galega, logrou a medalla de prata  no peso pesado facendo unha gran competición e feliz polas sensacións no tapiz. O primeiro combate foi contra Jack Ryan (Gran Bretaña), un rival asequible, e Iván venceu con claridade. En cuartos xa tiña enfronte a un taekwondista ben situado no ranking mundial, Sajjad Mardani (Irán). A pesar da dificultade, o galego controlou o combate, e aínda  que ao  inicio houbo varias alternativas no marcador, no tramo final dominio do galego para consolidar o triunfo.

 

Na semifinal o rival era Ruslan Zapharov (Kazajistán), clasificado para os Xogos Olímpicos. Este foi un combate moi complicado, porque era un deportista de gran envergadura e moi forte, pero novamente Iván tivo a cabeza fría para encontrar a distancia e non se rendeu en ningún momento, para conseguir a vitoria e o pase á gran final.

 

E na loita polo ouro o rival foi Emre Kutalmis (Turquía), tricampión de Europa sub 21. Neste combate, a Iván costoulle encontrar os ocos para atacarlle e aínda que o combate estivo moi igualado e foi moi fermoso, non poido vencer. Medalla de prata para o noso deportista!

 

E seguimos con Pablo Patiño, que viaxou co seu club e unha axuda da Federación Galega de Taekwondo. Pablo, nunha competición excepcional, logrou o bronce tras facer cinco combates! Na primeira rolda enfrontouse ao representante de Francia, Matar Sarr e gañou dunha forma moi clara (21-1). Na segunda eliminatoria tiña xa un grandísimo rival diante, Cristian Mcneish, campión de Europa 2018 e cabeza de serie número 3,  pero novamente Patiño foi moi superior e venceu sen ningún tipo de apuros (29-9).

 

Nos oitavos de final, enfrontouse a Jan Fiala (Suecia) e volveu pasar como unha apisonadora (19-0). Nos cuartos loitou contra Abdeirahman Wael (Exipto), que está clasificado para os Xogos Olímpicos e novo triunfo do galego (11-8), que garantía así a súa medalla. E xa nas semifinais  caeu nun axustado combate (8-5) ante o xordano Zaid Kareem, campión de Asia. Enorme o bronce de Patiño.

 

E rematamos os éxitos do taekwondo galego con Tania Castiñeira, que acadou o bronce no peso pesado feminino. A taekwondista do Hebe comezou a competición nos cuartos de final, onde se enfrontou a Darija Husovic (Alemaña) e venceu de forma clara (8-2). Na semifinal esperaba a tricampioa do mundo, Bianca Walkden, unha contrincante durísima. Tania fixo un gran combate e estivo metida na pelexa e con opcións ata o final, aínda que no puido vencer. Medalla de bronce para Tania!

 

Tamén participaron no Open de Sofía, os galegos Sara Cortegoso (-46, Mace Sport), Arlet Ortiz (-57, Mat´s) e Manu Parada (-68, Natural Sport), que esta vez non puideron colleitar metais. Arlet superou dúas roldas e caeu nos cuartos de final ante a cabeza de serie número 1, a británica Jade Jones. Sara caeu tamén nos cuartos no seu primeiro combate e Manu Parada, na primeira rolda. Todos eles partirán de Sofía en dirección á seguinte cita: Open Turquía!

Print Friendly, PDF & Email