O galego Iván García (-87 quilogramos, Mat´s) acadou esta fin de semana a medalla de prata no Open de Croacia (G-1) tras facer un magnífico campionato e so caer na final nun axustado combate.

En primeira rolda superou de forma clara ao deportista de Bosnia Herzegovina Karlo Galic. Na  segunda eliminatoria tivo un rival moi coñecido: O seu compañeiro de adestramentos Daniel Ros. O galego foi quen de superalo e plantarse así nas semifinais do Open, onde esperaba o japonés Hidenori Ebata. Foi un combate complicado, xa que o rival era moi alto e con pernas largas, pero Iván soubo controlalo moi ben e foi sempre por diante no marcador, para así plantarse na final. Enfronte estaba o iraní Mahdi Khodabakhshi (campión do mundo en 2015 e olímpico en Río), que superara todos os combates con moita facilidade. Pero ante Iván non o tivo tan sinxelo. No segundo asalto ían 2-4, o galego arriscou en busca da remontada, e o iraní volveu puntuar (2-6). Pese a todo, o deportista do Mat`s loitou ata o final e a piques estivo de puntuar nunha acción con xiro.

No Open de Croacia tamén participaron os galegos Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Manu Parada (-68, Natural Sport). Tania caeu nos cuartos de final contra a alemá Lorena Brand, número 1 do torneo. Pola súa banda, Manu Parada perdeu nos cuartos ante o croata Lovre Brecic (número 10 do ranking olímpico), tras superar dúas rondas previas.

Print Friendly, PDF & Email