Esta fin de semana os taekwondistas galegos que participarán no Europeo Cadete (Antón Quintero, Alberto de la Iglesia, Daniel Abeijón, Thiago Segade, Dafne Piñeiro e Ángela Balado) acudiron ao Open de Holanda, como test antes desta importante cita que se celebrará en Albania no mes de novembro. E os resultados foron fantásticos, xa que Daniel Abeijón e Ángela Balado lograron a medalla de prata; mentres que Dafne Piñeiro e Antón Quintero foron bronce. Os nosos deportistas estiveron acompañados polo técnico Dani Torrado.

 

Daniel Abeijón  (-37, Natural Sport) logrou a medalla de prata no Open de Holanda, tras caer na final ante  Yosef Darid Aulaqi (Dinamarca). Con anterioridade, o taekwondista galego venceu a tres rivais. En primeira rolda superou a Daniel Belanszky (Gran Bretaña) en dous asaltos; nos cuartos de final gañou ao italiano Alessandro  Ieluzzi, tamén en dous rounds e, por último, na semifinal deu boa conta de Lysander Kasper (Alemaña).

 

Tamén quedou en segunda posición, Ángela Balado (+59, Mat´s) despois de superar dúas roldas e só caer na final ante Paige Vincent (Gran Bretaña) en dous asaltos. Con anterioridade, a nosa deportista gañou a Esila Tastekin (Luxemburgo) e a Nada Kinana (Alemaña), en ambos casos en dous asaltos e con comodidade.

 

Dafne Piñeiro (-55, Natural Sport) conseguiu a medalla de bronce, tras superar dúas roldas y so caer na semifinal. Na primeira eliminatoria enfrentouse a Elena Stevanovic (Suiza) en dous asaltos. Deulle máis traballo a súa rival dos cuartos, Manal Barkani (Países Baixos), xa que a vitoria tivo que decidirse no terceiro asalto, que foi para a galega, que certificou así a súa medalla de bronce. Na semifinal caeu ante a número 1 do ranking, a alemá Emilia Laura  Rucinski.

 

Pola súa banda, Antón Quintero (+65, Kwon Betanzos) logrou a medalla de bronce, tras perder na semifinal ante Vincent Koch (Alemaña) en dous asaltos.

 

E tamén participaron Alberto De la Iglesia (-49, Natural Sport) e Thiago Segade (-53, Natural Sport). No caso de Alberto superou en primeira rolda ao ucraíno Mykhailo Uminskyi en dous asaltos e perdeu no seguinte combate ante Shaan Jhita (Gran Bretaña), número 1 do torneo e posterior vencedor do mesmo. Alberto loitou ata o final e a eliminatoria tivo que resolverse en tres asaltos. E xa, para rematar, Thiago Segade superou en primeira rolda a Zach Haynes (Gran Bretaña) en dous asaltos e caeu derrotado na seguinte ante o francés Nahim Goktas, que partía como número 1 do torneo.

Print Friendly, PDF & Email