Primeira proba internacional da tempada e dúas pratas para o taekwondo galego. Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Sergio Troitiño (-87, Mat´s) lograron a segunda posición no Open de Polonia celebrado onte en Varsovia. Tamén participaron Pablo Patiño (-68, Patiño) e Alma Pérez (-53, Suh Sport), que non puideron subir ao podio nesta ocasión.

 

Para Tania Castiñeira era o seu debut na presente tempada e o certo foi que tivo moi boas sensacións, segundo contou ela mesmo. No primeiro combate enfrontouse á taekwondista polaca Aleksandra Kowalczuk e Tania non tivo problemas para avanzar en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse á Hannah Keck (Estados Unidos) e novo triunfo da galega por 2-0. Así, plantouse na final onde esperaba a británica Lauren Williams Lauren e a pesar da derrota, hai que destacar que fixo un gran combate.

 

A segunda prata galega foi para Sergio Troitiño, que viña de proclamarse campión de España sub 21 e en Varsovia completou un fantástico torneo a pesar de que aínda arrastraba un bo arrefrío. Nos oitavos enfrontouse ao polaco Adrián Wojtokowiak, ao que eliminou en dous asaltos (11/8( e 11/7). Na semifinal o seu rival foi o checo Adam Jochman, pero Troitiño volveu ser contundente e venceu en dous rounds (5/5 e 15/1). Na final caeu ante o polaco Szymon Pietkwoski (6/3 e 13/5), e logrou así a medalla de prata.

 

Pola súa banda, Pablo Patiño comezou o torneo ante o rumano Sarbu Nicolae e o galego superou ronda en dous asaltos. A continuación enfrontouse ao británico Joshua Tobin e novamente Pablo foi superior e sen necesidade de acudir ao desempate. Así logrou plantarse nos cuartos de final onde tivo como rival ao italiano Antonio Falco e, a pesar de intentalo de todas as formas posibles, Patiño perdeu en tres asaltos. Falco foi medalla de prata no Open.

 

E rematamos con Alma Pérez (-53), quen librou a primeira rolda ao ser cabeza de serie número 2 do torneo e nos oitavos de final superou a Lasmina Iuliana Iovu (Romanía) en dous asaltos e con claridade. Nos cuartos, ás portas da medalla, quedou eliminada fronte a croata Helena Dujmic nun axustado combate que tivo que ir ao desempate para decidir a gañadora.

Print Friendly, PDF & Email