Quince taekwondistas galegos participan no Mundial Online de Técnica e Freestyle, que se está a celebrar nestes intres (do 15 a o 30 de novembro). A Federación Española convocou a 8 deportistas galegos para formar parte da selección española e a Federación Galega de Taekwondo convocou a outros sete para participar na proba Open, que se inclúe no Mundial.

 

Este Mundial, adaptado á situación provocada pola COVID-19 no mundo,  será moi diferente aos habituais: Será online, só para as categorías adultas (de sénior en diante) e de forma individual. A maiores, haberá unha competición Open para as categorías cadete e júnior (masculina e feminina).

 

Así, e tras realizar unha preselección entre os catro primeiros do ranking español, a FET convocou a Alejandro Losada Rodríguez e Raquel Guillén, na categoría sénior 1; Sonia Pérez (máster 1 feminino); Esperanza Fernández (máster 2 feminino) e a Manuel Paz e Celia García, na modalidade de freestyle (masculino e feminino). Ademais, para a competición Open cadete e júnior, tamén convocou aos galegos Laura Álvarez (cadete feminino) e Tomás Fernández (júnior masculino). E despois de coñecer a convocatoria da selección, a Federación Galega de Taekwondo fixo a súa propia lista de deportistas para a proba Open. Desta forma, tamén irán Francisco Ramos e Marco García (cadete masculino); Yaiza Velo e Lola Soto (cadete feminino); Dani Areán e Alejandro Fernández (júnior masculino) e Zaida Velo (júnior feminino).

 

Esta pasada fin de semana celebrouse a reunión de xefes de equipo, na que se realizou o sorteo de poomsaes, estableceuse a orde de saída e as normas de gravación. Ao longo desta semana os participantes deberá realizar a gravación dos seus exercicios e envialos e a arbitraxe terá lugar os días 21 e 22 de novembro. Destes resultados sairán os deportistas clasificados para as semifinais.

 

Dende a Federación Galega de Taekwondo queremos desexarlle a mellor das sortes aos nosos deportistas, que vivirán unha experiencia diferente e por tanto única. Así que, a desfrutar!

 

 

Print Friendly, PDF & Email