Os galegos Sara Cortegoso, Arlet Ortiz e Iván García participarán no Mundial Absoluto de Taekwondo, que se está a celebrar estes días en Manchester (do 13 ao 19 de maio). No campionato están inscritos case mil taekwondistas (975) de 150 países.
Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) será a primeira en participar mañá no Mundial. Xa ten experiencia internacional (participou en tres Europeos), pero este é o seu primeiro Mundial: “Vou con moitísima ilusión, tamén nervios e un pouco de medo, pero a ilusión sempre gaña. Vou con moitas gañas de dalo todo e chegar o máis alto que poida, sen quedarme con nada dentro”.
A deportista de 20 anos explicou que vai ao Mundial sen obxectivos marcados “porque é o meu primeiro Mundial e me parece algo moi grande. Así que so penso en dalo todo e chegar ata onde poida”. Ademais, Sara cambiou este ano de peso, polo que apenas coñece ás súas rivais.
A segunda en saír ao tapiz será Arlet Ortiz (-57 quilogramos, Mat´s), que participará o venres. “Afronto o Mundial con moitísima ilusión, a verdade. Apetéceme moito ir alí e enfrontarme con xente boa e ver onde está o meu nivel. Ademais é unha oportunidade pola que levo moito tempo loitando, porque unha cousa é un mundial júnior e outra moi distinta un sénior e cambiando a unha categoría de peso olímpica”, manifestou a taekwondista de 17 anos.
Arlet cree que chega á cita nun bo momento: “O traballo xa está feito e agora toca recuperar para chegar o mellor posible ao día da competición”. E agora so pensa en “facelo ben, dar o cen por cento en cada momento e ser capaz de gozar durante a competición”.
O último en competir será Iván García (-87, Mat´s), que enfronta a cita con moitas ganas e optimismo. “Despois de como foi a tempada a nivel de resultados e rendemento, penso que pode saír ben. Atópome nun bo estado de forma, sobre todo despois da concentración no CAR de Madrid co equipo nacional e a propia preparación a cargo de Jesús e Belén no CGTD e no club”, asegurou.
Obxectivos, como sempre, ir combate a combate: “Cantas máis roldas pasemos, mellor. Non hai unha expectativa clara xa que é un Mundial e ademais absoluto, onde calquera que te atopes vai estar super preparado, así que o obxectivo é gozalo e aprender”, indicou Iván. Os principais favoritos para acadar o título son o ruso Vladislav Larin (número 1 do ranking), Irán ou Korea.