As galegas Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) e Arlet Ortiz (-57, Mat´s) acadaron a medalla de bronce na President´s Cup, que se está a disputar estes días en  Estambul.

 

Sara Cortegoso, que viaxaba coa Federación Galega, acadou o metal tras superar en primeira rolda á turca Seher Tur Sen con bastante superioridade. Nos cuartos de final a galega tivo unha loita moita máis pechada coa española Sofía Marquina, que se decidiu no terceiro asalto, con triunfo de Cortegoso. A galega só caeu derrotada na semifinal ante a alemá Sueheda Ger Celik, quen finalmente logrou a medalla de prata. Con este resultado, Sara colócase primeira no ranking nacional para ir ao campionato do mundo.

 

Pola súa banda, Arlet Ortiz  (convocada coa Española) logrou subir ao podio a recoller o seu bronce tras superar en primeira rolda á española María Jiménez (2-1) e nos cuartos de final á ucraína Darya Kostenevych, tamén en tres asaltos. Na semifinal caeu ante Hatice Kubra Ilgun (Alemaña), deportista cun curriculum espectacular (medallista olímpica en Tokyo, campioa de Europa, prata e bronce mundial) e que foi a deportista que logrou o ouro nesta President´s Cup.

 

Ademais, tamén participaron na President´s Cup feminina Irene Montemuíño (-62, Natural Sport), Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Tania Castiñeira (+73, Hebe). Montemuiño caeu en segunda rolda tras superar á turca Kevser Ilikcioglu en dous asaltos e perder nos oitavos de final ante a croata Ivana Arelic. Pola súa banda, Alma Pérez perdeu no primeiro combate ante a turca Oyku Ozbey en tres asaltos; e Tania foi eliminada por Dagmara Haremza (Polonia).

Print Friendly, PDF & Email