Os galegos Sara Cortegoso (Mace Sport, -46 quilogramos), Iván García (Mat´s, +87) e Alma Pérez (Suh Sport, -53) participarán no Europeo Sénior que se vai a disputar do 8 ao 11 de abril en Sofía (Bulgaria). Como non pode ser doutra maneira, o torneo estará marcado polas medidas anti COVID-19 e todas e todos os deportistas realizarán probas PCR, ademais de cumprir un escrupuloso protocolo.
A primeira en saír ao tapiz será Sara Cortegoso, que chega en boas condicións e con gañas de volver competir e render a un gran nivel, “xa que nos anteriores non foi así”. Nos Open de Sofía e Turquía non lle saíron ben as cousas a Sara, polo que quere cambiar a dinámica neste Europeo. A nosa deportista ten claro que o mellor será ir combate a combate, sen marcarse máis obxectivos que a vindeira rival: “Para min a máis importante será a que me teña que enfrontar e despois, se gaño pensarei na seguinte e así pouco a pouco”.
Alma Pérez, que competirá o venres, chega nun bo momento, “a pesar da falta de rodaxe que tivemos todos despois da pandemia e as poucas oportunidades de poder medirnos con outros competidores”. As rivais máis fortes nese peso son a rusa e a turca, pero Alma destaca que todas as competidoras teñen moita experiencia, polo que obxectivo para a nosa deportista é ir paso a paso: “O obxectivo é facer un bo papel e gañar algún combate aínda que se podo volver con medalla, pois moitísimo mellor. Pero as rivais son moi fortes e experimentadas, así que as medallas van a estar moi caras”.
O último en competir será Iván García, que pechará o Europeo o día 11 de abril. O noso taekwondista chega a esta cita continental nun magnífico momento de forma, despois dos Open de Sofía e Turquía, polo que non quere poñerse límites. “É un reto, que enfronto con moitas ganas e con grandes expectativas a nivel de resultados, despois de como saín dos últimos open. Aínda que nunca son moi resultadista, tratarei de aspirar a todo, a pesar de que hai xente bastante interesante competindo, nun ano de Xogos Olímpicos”.