Gran éxito de Sara Cortegoso e Iván García no Open de Alemaña. Sara acadou a medalla de ouro, mentres que Iván foi prata. Ademais hai que destacar a quinta posición de Tania Castiñeira.

 

Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) logrou o ouro no Open de Alemaña, despois de vencer na final á cabeza de serie número 1 do campionato, Ozlem Guruz.

 

A galega fixo tres combates. No primeiro venceu por diferenza de 20 puntos a unha alemá e así acadou o pase para as semifinais. Aí esperaba a representante de Lesoto, Tau Michelle, vella coñecida para Sara. O combate estivo máis axustado, pero a galega logrou imponerse por 8-3. E na final esperaba a número 1 deste torneo, Oxlem Gurutz (Alemaña), á que derrotou Cortegoso con solvencia (15-2). Magnífica competición da galega, que tivo moi boas sensación en todos os combates feitos.

 

Pola súa banda, Iván García (+87, Mat´s) logrou a medalla de prata, despois de superar tres combates de forma clara e caer na final ante o deportista de Polonia Mikolaj Zsafersky.

 

En primeira rolda Iván superou de forma clara a Iván Bulanovic (Alemaña) por 45-9. En segunda esperaba o campión do mundo en -87, Alexander Bachman. O combate estivo máis igualado nos dous primeiros asaltos, pero despois Iván ampliou as distancias e gañou ben. En semifinais loitou contra o alemán Cem Unsuloy e novo triunfo contundente (23-5). Na final, pesou o cansanzo acumulado polo campionato e os adestramentos das últimas semanas, e Iván non se sentiu cómodo, e finalmente foi derrotado polo polaco Zsafersky.

 

Por último destacar que Tania Castiñeira (Hebe), quedou na quinta posición no peso pesado. A galega superou no primeiro combate a unha deportista alemá con gran facilidade (17-0) e caeu nos cuartos ante a representante de Turquía (4-0), quen logrou finalmente o título neste campionato.

 

Noraboa a todos/as!!!

Print Friendly, PDF & Email