O galego Sergio Troitiño (+78, Mat´s) acadou hoxe a medalla de bronce no Mundial Júnior, que se celebrou esta semana en Sofía (Bulgaria). O deportista galego, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva dirixido polo técnico Jesús Benito, fixo un total de catro combates, ofrecendo un gran espectáculo e so caendo na semifinal ante o iraní Abbasi Pouya, que se proclamou campión do mundo posteriormente.
Sergio gañou no primeiro combate ao representante de Kazajistán en dous asaltos (10/23 e 5/6) e no segundo tivo como rival a Ucraína, no que tamén acadou unha clara vitoria (6/0 e 10/3). Nos cuartos de final, en busca das medallas, Troitiño enfrontouse a Uzbekistán e o galego dominou con claridade para volver a impoñerse en dous asaltos (6/3 e 13/3). Na semifinal tocou o rival máis duro, o iraní Abbasi Pouya (campión do mundo cadete en 2019) e a pesar de que Sergio loitou ata o final non puido superalo. Finalmente o iraní logrou o título de campión do mundo tras vencer na final ao coreano Lyu Kuk.
O galego, xa coa medalla no peto, asegurou que “foi emocionante porque nunca competín nun campionato a tan alta escala. A sensación foi moi boa, entrar no tapiz e ver todo o equipo, compañeiros e pais animándome a gañar”.
Por outra banda, sinalar que Adrián Salanova (-68, Maniotas), que venceu en dous combates, perdeu en oitavos con Serbia, quen finalmente quedou subcampión do mundo, mentres que Noa Romero (-46, Natural Sport), tras superar a Mongolia, quedou eliminada nos dezaseisavos de final ante Corea. Os tres galegos estiveron acompañados en Sofía pola adestradora Lúa Piñeiro, que forma parte do corpo técnico da Federación Española de Taekwondo.